Sin categoría

A música das rondallas soa na Ramallosa

O Concello de Nigrán e o Centro Cultural Parada do Miñor organizaron este domingo o IV Certame de Rondallas do Val Miñor. Participaron todas as formacións da comarca, Santiago de Parada, A Merced de Chaín e Galiñeiro de Vincios, ademais da Rondalla Mosteiro de Pexegueiro (Tui), que asistiu como convidada. Unha a unha, as catro agrupacións, que sumaban máis de 300 rondallistas, desfilaron pola Alameda de San Campio na Ramallosa, e tras o saúdo ás autoridades e a súa actuación, cada unha deu paso á seguinte co tradicional cruzamento de bandeiras. O alcalde, Juan González, entregou a cada rondalla unha placa conmemorativa do evento.

As rondallas son formacións musicais con gran tradición en todas as Rías Baixas e particularmente na comarca do Miñor. Baseábanse nunha formación de varios músicos profesionais de instrumentos de vento-metal, acompañados por un grupo de instrumentos de percusión tradicionais (castañuelas, charrascas, cristos, cunchas, pandeiretas, roucos…). Nos comezos, o repertorio constaba de pezas tradicionais como panxoliñas e pasodobres, pero a evolución fixo que cada vez se toquen menos este tipo de temas, deixando paso a un repertorio máis moderno, con pezas que van desde temas de rock ou pop nacional, bandas sonoras ou pezas máis comerciais.

Nesta ocasión puidéronse escoitar, entre outras, versións de temas de Bon Jovi, Muse ou Jose Luis Perales.


El pase de diapositivas requiere JavaScript.