
Paz Coira, Cintia Fernández, Laura Yagüe, Candela Fidalgo, Paula Román, Marta Vázquez, Carmen Borrajo e Paula González son as oito nadadoras do Real Club Náutico de Vigo que esta fin de semana en Ferrol conseguiron quedar segundas no Campionato de España Infantil de Verán, de Segunda División, no que participaron 37 clubs españois.
A destreza na execución dos seus exercicios non só lles serviu para alcanzar ese segundo posto a nivel nacional, senón tamén para ser as galegas mellor clasificadas neste Campionato de España que tivo como escenario a piscina do C.D. Javier Gómez Noya.
Continúa por tanto a boa serie de resultados da sección de Natación Artística, dirixida por Ángela Pereira, que está a vivir unha tempada excepcional en canto a podios refírese.
As horas de adestramento e a confianza que foi adquirindo o equipo co tempo deron paso ao mellor ano da sección, que conta con excepcionais nadadoras tanto a nivel individual como en grupo.