O Concello de Nigrán rendeu homenaxe póstuma onte a María García Domínguez, propietaria do coñecido como “O quiosco de Tito” de Priegue e falecida o 7 de xuño de 2021. O Concello elixiu esta data porque este negocio vertebrador de toda unha parroquia se inaugurou o 16 de decembro de 1980. No acto público, ao que acudiu veciñanza e familiares, o alcalde descubriu unha placa situada nun perpiaño ao carón do propio quiosco, pechado desde hai 7 anos.
“En recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento comercial en Priegue durante preto de 40 anos. A veciñanza de Priegue non esquecerá nunca este quiosco exemplar”, di o texto. O momento máis emotivo tivo lugar cando a súa neta leu un poema escrito pola súa tía Belén e cando “Tito” recordou á súa muller. Ademais, o grupo de gaitas “Malaherba” de Eixotolo amenizou o acto.
“Este quiosco forma parte da Historia de Priegue; converteuse nun centro de reunión da veciñanza, nun lugar onde descubrir cada mañá as noticias e no que charlar. Un pequeno negocio que contribuíu á dinamización social e tamén cultural da zona”, sinalou o alcalde, Juan González. “O quiosco de Tito” (coñecido así popularmente) subministrou prensa, revistas, cromos, chucherías… a adultos e nenos de todo Nigrán, converténdose en todo un símbolo de Priegue nunha importante testemuña do desenvolvemento económico da parroquia e do municipio.



