Sin categoría

Baiona entrega a Medalla de Ouro ao CPI de Cova Terreña no seu 50 aniversario

O CPI de Cova Terreña de Baiona recibiu a Medalla de Ouro do Excmo. Concello de Baiona nun acto que se desenvolveu esta tarde na Praza do Concello. O alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo entrega do galardón á actual directora do centro, Isabel Martínez Cabaleiro. A cerimonia de entrega da máxima honra do Concello de Baiona realizouse nun evento coidado e cargado de emotividade, no que a carpa instalada na praza encheuse de colexiais, profesorado e antigos membros de ambos os dous colectivos. Tamén estiveron presentes diversas autoridades como o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, os concelleiros da corporación municipal, pais e nais, representantes da ANPA, así como doutras asociacións da vila.

O galardón concedeuse nun pleno anterior do Concello de conformidade co Regulamento Especial de Protocolo e Cerimonial do Excmo. Concello de Baiona, polo que se regulan as Distincións Honoríficas no seu art. 20.1. que di textualmente: Esta distinción outórgaselles a aquelas persoas, entidades ou institucións que prestasen relevantes servizos e méritos extraordinarios en favor do Excmo. Concello de Baiona. Esta distinción foi aprobada por unanimidade. O alcalde quixo agradecer a toda a comunidade educativa vinculada ao longo destes 50 anos de historia do CPI Cova Terreña. “A historia de Baiona é imposible entendela sen este centro educativo municipal e sen toda a comunidade educativa, pasando por todos os equipos docentes, as ANPAS e todo o alumnado vinculados ao centro ao longo destes 50 anos. Todos imos unidos da man entre todos construímos Baiona”.

O rexedor durante a cerimonia lembrou “os inicios do centro con figuras como Joaquín Maestre, Carlos Estévez ou Adela Mirás, Paz Rodríguez, entre outros, “os seus fundadores”. Os sucesivos cambios aos que foi sometido, así como a súa actualización tecnolóxica fixeron posible que hoxe o Cova Terreña participe activamente en varios programas de innovación educativa. Precisamente, todo iso fixo merecedor a este centro educativo municipal do máximo dos recoñecementos, esta medalla, que pode conceder o Concello de Baiona. Vázquez Almuiña finalizou a súa intervención felicitando e dando o parabén ao colexio.

O acto comezou coa intervención de Leo Álvarez, alumno e representante do Consello Escolar. A Concelleira de Educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez, foi a encargada de ler os méritos polos que se lle fixo entrega desta distinción ao centro. Pola súa banda, o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, foi o encargado de ler o acordo plenario. O acto finalizou coa actuación do Nadal do Coro do CPI Cova Terreña.

O CPI Cova Terreña de Baiona é un claro exemplo de como un centro educativo pode chegar a converterse en toda unha institución dentro dun municipio. E é que polas súas aulas pasaron a inmensa maioría dos seus veciños, en concreto máis de 4.500 alumnos desde a súa inauguración en 1973, algúns xa pola súa terceira xeración. Este ano está de aniversario, cumpre nada menos que 50 anos axudando a construír persoas, e o acto celebrado esta tarde desbordou emotividade polos catro custados para homenaxear a súa traxectoria, pero tamén a todos aqueles que loitaron por manter vivo o seu espírito educativo, desde a transición á actualidade, pasando por unha pandemia, varias reformas e mesmo traslados e con mencións para profesores, pais e ex alumnos.