A escritora miñorá máis galardoada pecha o Ciclo Literario Miñorán de 2023 cunha conversa e un recital poético o vindeiro venres 15 de decembro nas instalacións do Instituto de Estudos Miñoráns (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar), ás 20:00 horas con acceso libre ata completar aforo. Estará acompañada de Fran Fernández Davila.
Ás súas obras “Crear o mar en Compostela” premio de poesía O Grelo 1993; “Pel de ameixa” Premio González Garcés 1995; “Setembro”, premio Martín Códax 1998; “En atalaia alerta”, accésit do Premio Esquío 1999; “As Amantes de Hamlet” (2003); “Cinza” (2009); “Acuática alma” (2011); “Argola”, Premio de poesía O Figurante 2013, “Dun lago escuro”, Premio Johán Carballeira, 2013 (2014), “Na casa da avoa” (2017), “Labirinto ou memoria” (2018), “Notas sobre a extinción” (2021), mestúranse entre libros de viaxes como Baixo Miño, traballos de investigación sobre a sintaxe do galego medieval, estudos sobre a obra poética de Manuel María, X. L. Méndez Ferrín ou Victoriano Taibo ou a antoloxía de xénero “Así fala Penélope”. A súa última obra “Papaventos abismados”, aínda inédita, vén de gañar o IV Premio de Poesía Filomena Dato no Concello de Bergondo.
O Ciclo Literario Miñorán é un reflexo do compromiso do Grupo de Promoción do Uso do Galego co enriquecemento cultural e a difusión da literatura no Val de Miñor.

