O Baíña de Terceira División nacional decide non iniciar a liga e exponse a duras sancións

Nunha carta aberta, a directiva do Baíña Fútbol Sala anuncia que, por responsabilidade, o Baíña de Terceira División nacional decide non iniciar a liga e exponse a duras sancións por parte da Federación. A directiva e xogadores do club baionés decidiron pedir o aprazamento á Federación por responsabilidade dado os complicados momentos que Galicia está a vivir como consecuencia da segunda onda do Covid-19.

O Baíña non está só nesta petición, outros 3 clubs (Vila de Cee, Outeiro de Rei e Unión GR9) tamén solicitan este aprazamento alegando que, mobilizar cada semana a máis de 15 persoas para adestramentos e partidos por toda Galicia non é conveniente e só axudaría á propagación do virus. Ademais, os protocolos non son os correctos e son caros, o cal elevaría os custos do club nun ano onde a situación non é nada boa.

“En terceira, existen clubs de poboacións como Carballiño, A Coruña, Ourense, Lugo, Vigo, etc. zonas que, nestes momentos teñen un alto número de contaxios ou mesmo teñen confinamentos parciais. Desta forma, podemos prever que a liga non se podería xogar con normalidade e cun mínimo de seguridade”, sinalan desde o club.

Alegan os clubs, que a Terceira Nacional é unha liga totalmente amateur e agora é o momento de priorizar a saúde da xente, os empregos e a educación regrada de nenos e novos. Trátase en todo caso dunha medida para non contribuír á saturación dos hospitais da comunidade. Os clubs solicitantes cren que é o momento de contribuír e, “o mellor que podemos facer, é ser responsables e ter sentido común”.

No caso do Baíña, a maioría dos xogadores son estudantes universitarios de dous campus diferentes da provincia e conviven cos seus pais e familiares. O xogar nestes momentos expoñeríaos xa non só a contaxios, senón tamén a confinamentos constantes como está a pasar noutras ligas que se están tentando disputar por Galicia (véxase o caso do Balonmán Cangas con máis de 11 positivos ou o Leis Pontevedra de 2ªB que levan máis de 5 días confinados nas súas casas).

O Baíña sempre foi un club cunha gran actividade social e, os seus directivos consideran que comezar a liga agora sería un acto enorme de irresponsabilidade con toda a sociedade baionesa e a galega, unha irresponsabilidade coa xente maior, coa poboación de risco, cos autónomos, cos pequenos comercios de Baiona, cos estudantes e cos sanitarios que outra vez volven estar nunha situación complicada.

O club non quere que os hospitais volvan verse na situación de marzo e non quere para Baiona, nin para Galicia outro novo confinamento total “que é o que pode pasar se non somos responsables”. A día de hoxe os empregos da xente e a educación é a prioridade.

Despois de varias reunións coa Federación, a única solución que nos ofrecen é a renuncia á praza de Terceira e/ou expoñerse a posibles sancións. En ambos os dous casos o club descendería á última categoría (liga local) e non podería volver xogar nesa categoría durante un número de anos. Isto sería un gran prexuízo para un club, que chegou a Terceira a base dun proxecto e un traballo constante desde hai máis de 20 anos. Crear un proxecto serio cunha ampla base social, con xogadores da canteira (unha canteira que conta con máis de 120 xogadores), cun gran traballo non só de xogadores, técnicos e directivos, senón tamén de todo un pobo como Baiona que apoiou ao club en todo momento, cun gran esforzo de moitos patrocinadores, e un gran traballo das institucións que desde o minuto uno do proxecto axudaron aos baiñistas a crecer e ir ascendendo categorías ano a ano.

O club non se dará por vencido e loitará por non iniciar a liga nestes momentos. Seguirá solicitando o aprazamento ata xaneiro, xa que nada indica que nas próximas datas a situación mellore senón todo o contrario. En caso de ser sancionados de forma tan grave, levarán a cabo distintas medidas e recorrerán á Xunta de Galicia ou outras institucións para evitar esta situación tan gravosa e que por querer ser responsables e apostar pola saúde, castiguen ao club dunha forma tan dura.