Sin categoría

A Xunta investirá máis de 1 millón de euros na mellora de 43 paradas de autobús en Nigrán

A Xunta publicou este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de 43 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas no concello de Nigrán, nas rutas de acceso polo sureste a Vigo, que suporá un investimento de máis de 1M€. As persoas interesadas poderán presentar as súas achegas a este proxecto no prazo de trinta días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación deste anuncio. No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia tamén se pode consultar a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

O obxectivo é acondicionar as paradas situadas nas estradas PO-325 entre o punto quilométrico 9+330 e 14+670; na PO-552, entre o 7+470 e 12+850; e na PO-340, entre o 17+170 e 20+590, todas no municipio de Nigrán. As actuacións inclúen a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís. Tamén se realizarán melloras do pavimento nas contornas das paradas. Ademais colocaranse refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.

Estas intervencións son susceptibles de financiación con fondos FEDER do período operativo 2021/2027 e súmanse ás financiadas ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU. A Xunta ten previsto actuar en máis de 1.100 paradas das estradas autonómicas cun investimento global de arredor de 35M€.