O Concello de Nigrán inaugura este venres 15 de decembro o Nadal co Mercado de Inverno “Bulebule” na Praza do Concello, que conta para a ocasión co espectáculo de Troula “Benito e Rufino” desde as 17:30 horas e ás 20:00 horas o show cómico musical de “LeBarLuthier”. A maiores, no Auditorio Municipal situado ao seu carón, ás 18:00 horas celebrarase un bingo solidario no que os participantes deberán achegar alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os premios serán flores de pascua por cada liña e produtos típicos galegos para os gañadores do bingo (realizaranse 10).
A fin de semana o “Bulebule” contará cunha ampla variedade de actividades para nenos e adultos, desde obradoiros creativos ata actuacións en vivo, asegurando diversión para toda a familia e con programación no Auditorio Municipal (Coral Novos Aires ás 19:00 do sábado e Coral de Chandebrito e Parada o domingo á mesma hora). No exterior, como parte do “Bulebule”, repetiranse concertos en sesión vermú e de serán; o sábado 16 co cantautor Javier Lago (13:30), a banda tributo ao pop rock dos 80/90 “El hechizo de Nora” (20:00) e dobre sesión de contacontos en inglés “Santa’s Elves” a cargo de Kids&Us ás 11:00 e 17:00 no Auditorio. Finalmente, o domingo estará a cantautora Carla Lourdes (13:30), “Music Bross” ás 18:00 e a rock band “The Twinpims” (20:00). Os horarios, actividades e o nome de firmas asistentes poderán consultarse a través do seu instagram @bulebulenigran e na súa páxina web http://www.bulebulenigran.es.

