Mañufe reúne á elite dos bolos celta

A Federación Galega de Bolos, con Isidro Costas e José Rodríguez á cabeza, celebrou este venres no Centro Cultural de Mañufe a súa VII Gala do Deporte, na que se entregaron as distincións e trofeos aos clubs e xogadores destacados na tempada 2023, así como os trofeos do Torneo de Nadal do ano 2022. Desde a Federación é unha realidade a promoción das categorías inferiores, cun total de 60 xogadores en fase de competición (categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil), tamén a promoción da muller na práctica dos bolos celta. Este ano, en fase experimental, celebrouse a primeira liga galega feminina, na que participaron un total de 10 equipos, resultando campión o club de bolos Baredo.

Tamén é unha realidade a impartición de clases de bolo celta nos distintos colexios, centros de formación profesional e institutos de ensino secundario, grazas a un convenio subscrito entre a Federación e a Xunta de Galicia. “Queremos mellorar e ampliar a impartición de clases nas escolas deportivas dos tres concellos do Val Miñor, unha vez que se implante e aprobe un convenio entre a nosa Federación e a Mancomunidade do Val Miñor, que se atopa en fase de estudo e aprobación definitiva”, sinalou José Rodríguez.

Tras a proxección dalgunhas fotos dos distintos campionatos nacionais, rexionais e locais celebrados durante este ano comezou a entrega de galardóns, da man das concelleiras de Deportes de Baiona e Gondomar, Ana María Iglesias e Nuria Lameiro, a concelleira de Turismo de Baiona, Sheila Martíns, e o presidente da Federación Galega de Bolos, Isidro Costas. Entregáronse un total de 143 diplomas e 90 trofeos. Todos os galardoados presentes, xogadores, xogadoras e clubs, pertencen á comarca de Vigo e a súa área metropolitana, Baixo Miño e Val Miñor.

Primeiro entregáronse os diplomas do ano 2023, os trofeos e diplomas do Torneo de Nadal do 2022, e para finalizar, os diplomas e trofeos dos torneos da tempada 2023. Ao finalizar a gala os asistentes puideron gozar duns petiscos.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.