A Xunta deu a coñecer hoxe aos gañadores da edición deste ano do programa Xuventude Crea na categoría de Danza Moderna. Javier Vázquez Gundín (Sada) fíxose co primeiro posto coa peza “Tempus fugit”. A parella formada por Juan Rodríguez Bas e Noelia Andrés Oliveira (Gondomar) obtiveron o segundo premio coa representación de “Corpo, liña, espazo”. O xurado decidiu que o terceiro posto o compartiran a parella formada por Carlota Paz Álvarez e Claudia Fusté Zaragoza (Lugo), coa danza “Identidade”, e Fátima Castro González (A Guarda), con “Diario de Ana Frank”.
O gañador recibirá un premio en metálico de 3.000 euros, os segundos clasificados levarán 1.500 euros e os terceiros, 1.000 euros. O programa Xuventude Crea, que este ano celebra a súa edición número catorce, supón un apoio ao talento e creatividade da mocidade galega. Nesta convocatoria de 2023 danse cita preto de 350 participantes nas súas diferentes categorías: arte urbana, teatro, música, fotografía, artes plásticas, cociña, videocreación, banda deseñada, novela curta, poesía, danza moderna, deseño de xoias, moda e creación de videoxogos.

