
A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) e a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) convocan o I Certame de Pintura Rápida ao aire libre en Sabarís, que se celebrará o vindeiro domingo 15 de maio nas rúas deste barrio baionés, co obxectivo de fomentar e espertar a creatividade artística a través da pintura. A temática versará sobre Sabarís en toda a súa extensión, deixando liberdade aos autores en canto a técnica e estilo. A execución será directa, diante do motivo ou do modelo natural. Non se permitirá o uso de fotografías, computadores, cámaras, medios ou materiais gráficos.
O concurso está aberto a todos os artistas que o desexen. A inscrición para participar na iniciativa debe facerse a través de correo electrónico escribindo á dirección coemsa2010@hotmail.com. O prazo permanecerá aberto ata o día 13 de maio, inclusive. Cada artista só poderá presentar unha obra e non poderá asinala ata o momento no que se coñeza o ditame do xurado.
Premios
Establecéronse tres premios de 600, 400 e 200 euros para o primeiro, segundo e terceiro clasificados, respectivamente. Ademais, hai un Premio Especial categoría de 11 a 16 anos, para o mellor artista xuvenil, e outro premio á categoría infantil de 4 a 10 anos, consistentes nun diploma e en materiais de pintura, libros, didáctico.
Presentación obras
Cada participante levará o material que considere necesario para desenvolver o seu traballo, incluído o caballete onde se expoñerá a súa obra. O soporte presentarase o día do certame de 9:00 a 11:00 da mañá no Mercado de Arte de Sabarís (Multiusos Mercado de Sabarís, Praza Victoria Cadaval, s/n), para ser selado. As medidas deste non poderán superar os 120 cm no seu lado maior e non poderán ser inferiores a 50 cm no máis pequeno. As medidas da categoría infantil son libres.
O tempo para presentar as obras será ata as 19:00 horas e realizarase nas oficinas do Mercado de Arte de Sabarís. O ditame do xurado coñecerase o mesmo domingo 15 de maio ás 20:30 horas. As obras non premiadas estarán ao dispor dos autores para partir do ditame dos especialistas. O xurado que avalía as obras estará composto por profesionais das artes plásticas. As obras premiadas pasarán a ser propiedade de COEMSA, así como os dereitos de reprodución.
Esta actividade encádrase dentro da programación do XIV Mercado de Arte que se celebrará os próximos 13, 14, 15, 16 e 17 de maio no Multiusos Mercado de Sabarís en horario de 11:00 a 21:00 horas.