Sin categoría

O Álvaro Cunqueiro realiza a primeira cirurxía oncolóxica infantil en Galicia cun modelo virtual 3D

A sección de Cirurxía Pediátrica do Servizo de Pediatría do Álvaro Cunqueiro acaba de realizar a primeira operación de Galicia cun modelo virtual, unha reconstrución en 3D da lesión tumoral e dos órganos da área a intervir do paciente. O doente, un neno de 17 meses, presentaba un neuroblastoma no abdome, o tumor maligno e sólido máis frecuente na infancia. O tumor era de grandes dimensións (12x8x9 cm). O neno está xa dado de alta e evoluciona sen complicacións nin secuelas. Segundo explica a cirurxiá pediátrica que coordinou a intervención, Pilar F. Eire, xunto cos cirurxiáns Marga Montero e Marcos Prada, “tratábase dun tumor moi grande e de difícil acceso, con moita implicación de vasos, veas e arterias sanguinas, polo que era unha cirurxía moi complicada, con alto risco de sangrado e de dano a estruturas veciñas e vitais. Gracias a este soporte virtual puidemos realizar unha planificación da cirurxía e ensaiala previamente”. Ademais dos cirurxiáns pediátricos, no proceso terapéutico do paciente participou un equipo multidisciplinar composto por especialistas en Oncoloxía pediátrica, UCI pediátrica, Anestesia pediátrica e persoal de enfermaría.

Réplica personalizada

Este modelo virtual en 3D é unha copia exacta do tumor e da súa localización nos órganos abdominais do paciente. Con técnicas de Intelixencia Artificial, na que participaron enxeñeiros biomédicos, informáticos, matemáticos, físicos e médicos, realizouse unha reconstrución tridimensional dos órganos abdominais do paciente, a partir das súas imaxes radiolóxicas. Neste caso, dos TCs que se realizaron previamente como seguimento da resposta do tumor á quimioterapia administrada antes da cirurxía (practicamente nula). Este modelo permitiu unha planificación cirúrxica virtual, posibilitando visualizar a localización exacta do tumor e os vasos que o rodeaban, e, polo tanto, practicar e guiar o acto cirúrxico, evitando desta forma as lesións inesperadas.

Máis precisión e seguridade

As vantaxes de practicar previamente a cirurxía de xeito virtual son evidentes, tanto para os cirurxiáns como para o paciente, sobre todos naqueles casos de gran complexidade, xa que ese modelo aporta fundamentalmente unha gran seguridade na anatomía concreta de cada paciente (cirurxía personalizada). “Gracias á planificación cirúrxica evítanse complicacións intraoperatorias como os riscos de sangrado, e conseguimos unha maior eficacia, máis precisión e menos horas de cirurxía. En consecuencia, os pacientes requiren menos tempo de hospitalización, presentando unha máis rápida recuperación. Neste caso, o neno só estivo 6 días hospitalizado e ao segundo día xa estaba bailando na UCI”.