Sin categoría

O CPI Cova Terreña de Baiona participa nun proxecto de observación entre docentes

Trece docentes de educación infantil, primaria e secundaria do CPI Cova Terreña de Baiona participan este curso no proxecto “Observa Acción”, actividade de innovación organizada pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, que tamén o financia, xunto co Ministerio de Educación e a Unión Europea, a través de fondos Next Generation. Trátase de realizar observacións de clases entre docentes do mesmo centro co propósito de mellorar as competencias profesionais docentes: manexo dos grupos, organización da aula, interacción e participación do alumnado, uso das linguas e outros aspectos que un mesmo non pode analizar, uso das novas tecnoloxías, etc.

As prácticas de observación entre profesionais son habituais en campos como a medicina, o mundo da ciencia ou a enxeñaría e, no eido educativo, tamén o é en países como Estados Unidos, Gran Bretaña ou Finlandia. Sen embargo, en España é un proceso pouco desenvolvido e que, desde as distintas autoridades educativas, preténdese promover dado os bos resultados que se obteñen noutros países. Distintas investigacións amosan que os profesionais aprenden máis doutros compañeiros e compañeiras que dun “experto” que introduce metodoloxías desde o campo teórico, pero que non desenvolve no mesmo contexto profesional.

Durante dous meses se viñeron realizando observacións, abríndose agora a posibilidade de observar prácticas docentes noutros centros educativos de Galicia, España e a Unión Europea. O profesorado baionés participante valora moi positivamente a experiencia, destacando que, aínda que inicialmente parecía que era unha situación novidosa que podía provocar nerviosismo, se sentiron tranquilos sendo observados e facendo unha retroalimentación posterior por pares. Tamén destacan o importante que é observar docentes doutros niveis, xa que se analizan enfoques diferentes moi aproveitables na propia práctica.