Dende o 3 de decembro, día do acendido das luces, e ata o 7 de xaneiro, o Concello de Gondomar ten programadas máis dunha vintena de actividades que inclúen, entre outras, concertos, contacontos, a visita de Papá Noel, un campus multideporte, a Cabalgata de Reis ou o tradicional certame de Rondallas de Reis. O Concello de Gondomar presentou hoxe a súa programación de Nadal, que este ano aumenta en número de actividades enfocadas para toda a familia. O domingo 3 Gondomar acenderá o seu Nadal ás 19:00 horas na Praza do Concello, que servirá de pistoletazo de saída ao “GondoNadal”.
O tradicional Belén Artesanal en Movemento, que este ano crece en número de figuras con respecto ao ano pasado, con máis de 200, será inaugurado o mércores 6 ás 18:00 horas no Centro Neural (edificio da Policía Local) coa presenza do bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza, e permanecerá aberto ata o día 7 de xaneiro. O venres 8 será a quenda da música tradicional galega co Festival de Nadal do grupo TradiSón, que se subirá ao escenario do Auditorio Lois Tobío a partir das 19:00 horas nun concerto que a bo seguro estará cargado de sentimento, rememorando as cantigas pasadas e quen sabe se estreando en primicia a cantiga deste ano 2023. A entrada será libre ata completar aforo.
Ao día seguinte, o sábado 9, e pensando nos máis pequenos da casa, Ángeles Goás nos deleitará cos seus “Contos de Nadal”. Será no Auditorio Municipal Lois Tobío ás 18:00 horas. Para rematar a primeira semana de festas o domingo 10 será a música coral a que inunde o Auditorio Municipal, co xa tradicional Festival de Corais de Nadal de Gondomar. As corais de Vincios, Donas e Mañufe mostrarán todo o seu repertorio que a bo seguro estará cargado de panxoliñas e cantos de Nadal. Para dar comezo á segunda semana deste “GondoNadal”, o venres 15 ás 19:30 horas inaugurarase a exposición de árbores de Nadal, que nos días previos serán decorados polos alumnos dos centros escolares de infantil e primaria de Gondomar, así como por diferentes colectivos e asociacións de integración social. Esta exposición permanecerá aberta no Hall do Auditorio Municipal ata o día 7 de xaneiro.
Outra das actividades que se converteron xa nunha tradición en Gondomar, e que goza de máis aceptación popular, é o Mercado de Nadal, que abrirá as súas portas na Praza Paradela o sábado 16 ás 11:00 horas, pechando ás 19:00 horas, repetindo horario ao día seguinte. O prazo de solicitudes está aínda aberto pero a día de hoxe son xa máis de 30 os postos que teñen confirmada a súa presenza, o que demostra o interese xerado por esta actividade. O mesmo sábado 16 Papá Noel visitará Gondomar. A partir das 17:00 horas realizará un percorrido polas rúas da vila, e posteriormente, en torno ás 18:00 horas recibirá na Casa da Cultura aos nenos e nenas que queiran entregarlle persoalmente a súa carta de peticións. Papá Noel visitará de novo Gondomar e volverá a realizar a recepción o domingo 17 de 17:30 a 20:00 horas e o sábado 23 de 17:00 a 20:00 horas.
O domingo 17 o Val Miñor encherase de Papás e Mamás Noeis motorizados coa “XIV Ruta Motera de Papanoeles”, con saída e chegada en Gondomar, na Praza de San Bieito. O mércores 20 e o venres 22 a música será a protagonista cos alumnos e alumnas do Conservatorio e da Banda de Vincios, cos seus respectivos concertos de Nadal no Auditorio Municipal, os dous ás 19:00 horas e con entrada libre ata completar aforo. O deporte tamén ten o seu espazo na programación municipal. Dende o 26 e ata o 29 no Pavillón Municipal Bernabé Costas de Miranda terá lugar o Campus Multideporte Solidario, que ten como obxectivos, por unha banda, a recadación de alimentos para o Banco de Alimentos Municipal, e por outra, permitir a conciliación laboral de nais e pais en período vacacional.
Un dos pratos fortes deste Nadal será sen dúbida o concerto do gaiteiro Álvaro Costas e o seu grupo, que se subirán ás táboas do escenario do Auditorio Municipal o sábado 30 ás 20:30 horas co seu espectáculo “Mitic de Nadal”, con entrada libre ata completar aforo. As actividades do novo ano arrancarán en Gondomar o mércores 3 de xaneiro de 17:00 a 20:00 horas coa Festa Infantil de Nadal no Pavillón Municipal, onde haberá inchables, obradoiros, xogos e sorpresas. A Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegarán a Gondomar o venres 5 de xaneiro ás 17:00 horas e acompañados do seu séquito farán un percorrido polas rúas do centro da vila para despois recibir as peticións das nenas e nenos na Praza Paradela. O Certame de Rondallas de Reis, o sábado 6 a partir das 10:30 horas, que este ano chega á súa 41 edición, poñerá o punto e final a máis dun mes cheo de actividades.


