Sin categoría

Detidas seis persoas integrantes dunha organización criminal dedicada ao cultivo e tráfico de drogas

En operación conxunta levada a cabo pola Garda Civil e o Corpo Nacional de Policía, desarticúlase unha importante rede dedicada á preparación, cultivo e posterior distribución de marihuana por toda a comunidade autónoma de Galicia e Portugal, así como á distribución de cocaína e haxix. A madrugada do día 25 de novembro de 2023, púxose en marcha un dispositivo conxunto do Equipo de Policía Xudicial e Equipo EBIO da Garda Civil de Tui e da UDYCO da Comisaría Provincial de Pontevedra, xunto co Grupo I da UDYCO da Comisaría Local de Vigo-Redondela e o Grupo 33 da UDYCO Central.

Tras unha longa e complexa investigación, procédese á detención de 6 persoas, de entre 27 e 67 anos, con domicilios na Cañiza, Salceda de Caselas e Tomiño e o rexistro de 5 inmobles nas mesmas localidades, nos que se interviñeron entre outros efectos 2 quilos 200 gramos de cocaína, 1.789 plantas de marihuana, 30 quilos de cogollos de marihuana, 3 quilos e 100 gramos de haxix, 3 básculas de precisión, 4 vehículos e 370 paquetes de tabaco de contrabando. No interior dunha nave en Tomiño, localizouse unha plantación industrial indoor para o cultivo intensivo do “Cánnabis Sativa”, cunha instalación eléctrica, valorada segundo os expertos nuns 100.000 euros, distribuída en cinco compartimentos que contaba con aparellos de aireación, ademais dun avanzado de sistema de iluminación cos seus respectivos transformadores, e un control de fotometría, temperatura e humidade.

Ademais, o grupo dedicábase á distribución de cocaína, intervindo nun dos rexistros domiciliarios dous paquetes dun quilo cada un de cocaína, así como dous envoltorios contendo douscentos gramos da mesma substancia. Tamén se localizan 3 quilos de haxix. Nesta operación ademais dos grupos mencionados, por parte do Corpo de Policía Nacional participaron tamén o Grupo Especial de Operacións (G.E.O), a Brigada Provincial de Seguridade Cidadá, e por parte do Corpo da Garda Civil, a USECIC, o Servizo Cinolóxico, e Unidades de Seguridade Cidadá da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

Dos 6 detidos, 3 quedaron en liberdade en sede policial e os outros 3 foron postos ao dispor do Xulgado de Instrución número TRES de Tui que entende do caso, ingresando un deles en prisión. A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.