“Lo que no te enseñan en el instituto” é o primeiro libro da nigranesa Lucía Doval. Nas súas páxinas, a autora diríxese á súa sobriña adolescente, Raquel, para contarlle as cousas que a ela non lle ensinaron no instituto e que lle parecen fundamentais para a vida. Trátanse temas tan importantes coma a felicidade, os pensamentos, as emocións, os hábitos, as relacións, os soños, o traballo, a natureza, o momento presente…
A idea do libro xurdiu o día que Raquel fixo 10 anos. Aí Lucía decatouse de que só lle quedaban dous anos para ir ao instituto e que había moitas cousas que lle quería contar para que estivese preparada para o que viña. O seu corpo, a súa mente e as súas emocións estaban a piques de facerse grandes e no instituto non sempre nos ensinan a entender todo iso.
Malia estar dirixido expresamente á sobriña, o libro é ideal para preadolescentes, adolescentes e non tan adolescentes. É unha obra de non ficción reflexiva, fresca e entretida, que vai ao miolo, cunha linguaxe clara, sen demasiadas reviravoltas. Ademais, as páxinas están ilustradas con debuxos que fixo Raquel entre os 10 e os 11 anos.
Os lectores e as lectoras atoparán ideas ateigadas de aprendizaxe, empoderamento, empatía e amor. Non deixa de ser unha tía falándolle á súa sobriña para acompañala mentres medra, para que conserve todas as cousas boas que trae de serie e que nada nin ninguén as apague nin un chisco.
Quen queira coñecer á autora e saber un pouco máis, pode achegarse á Biblioteca de Nigrán o xoves 30 de novembro ás 20:00 horas.

