20 alumnos e alumnas das especialidades de limpeza e coidados sociosanitarios, en situación de desemprego, participan no Obradoiro de Emprego Dual “Coidando Miñor”, que o ano pasado obtivo unha porcentaxe de inserción de case o 100%. O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, como anfitrión, presidiu esta mañá o acto de inauguración deste Obradoiro de Emprego que este ano chega á súa terceira edición, no que tamén estiveron presentes a Delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o alcalde de Nigrán, Juan González, a concelleira de Emprego de Gondomar, Rocío Goberna, a concelleira de Servizos Sociais do Concello de Baiona, Ana María Iglesias, así como o Xefe Territorial de Emprego da Xunta de Galicia, Jose Antonio Rodríguez Fachado.
Ao igual que en anos anteriores son dúas as especialidades impartidas: coidados sociosanitarios e limpeza de espazos e edificios públicos. Ademais o alumnado recibirá formación noutras materias complementarias como informática, orientación laboral, manipulación de alimentos, prevención de riscos laborais e formación medioambiental. Unha vez rematada a formación teórica o alumnado realizará practicas remuneradas en diferentes empresas da comarca, que nunha porcentaxe moi elevada se converterán en contratos de traballo unha vez finalizado o período de prácticas. Como novidade deste ano, as empresas que contraten alumnado procedente do obradoiro percibirán un incentivo de 500 euros ao mes durante un período de 3 meses.
O alcalde de Gondomar encomiou “o éxito deste obradoiro xa que ademais de acreditar ao alumnado cunha titulación oficial, ten asegurada unha inserción laboral do 100%”. Así mesmo, o rexedor local destacou que “as administracións temos que facer unha aposta decidida polo investimento en formación, e este obradoiro que tanto éxito ten, é un claro exemplo”.
Cun investimento de 531.000 euros por parte da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, o curso está promovido por Gondomar, xunto con Baiona e Nigrán. Ortiz, animou aos participantes para aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano é unha ventá ao mercado de traballo e tanto a comarca como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.

