Sin categoría

Eficiente, sostible e autoxestionado, así será o edificio que a cooperativa Ancoradoiro construirá en Porto do Molle

“Buscamos a máxima calidade ambiental, a maior eficiencia e por iso propoñemos un edificio bioclimático, con pouco impacto ambiental e de mantemento pouco custoso, de maneira que se poida autoxestionar. En definitiva, unha arquitectura amable, adaptada e sostible”, subliñou a arquitecta Lupe Piñera, do estudo Irisarri+Piñera, que debullou o anteproxecto que deseñaron para Ancoradoiro, un edificio que se construirá nos terreos de Porto do Molle e que dará resposta ás necesidades desta cooperativa cidadá. A presentación tivo lugar este sábado no Centro de Negocios do Consorcio da Zona Franca en Porto do Molle (Nigrán).

Preto dun centenar de persoas acudiron á presentación do “Centro Social Cooperativo Ancoradoiro para o Coidado e Benestar das Persoas Maiores”, entre eles cooperativistas, persoas afíns ao proxecto e representantes institucionais. Entre estes últimos, o alcalde de Nigrán, Juan González, e a vogal do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, Ana Mejías.

A proposta que deseñaron os arquitectos é un edificio bioclimático, sostible e de fácil mantemento que facilite a súa autoxestión. Foi a propia cooperativa a que expuxo aos arquitectos as bases desta infraestrutura, ideada para albergar a entre 60 e 80 persoas e conformada por zonas privadas, espazos compartidos e servizos comúns para facer fronte ás necesidades dos seus usuarios, tanto actuais como futuras. Como eles subliñan, trátase de “sustentabilidade humana aplicada ao concepto de vivenda”.

A presentación tivo lugar tras a asemblea de final de ano da entidade, cuxo obxectivo é tamén visibilizar ás persoas maiores e abandonar as tradicionais visións asistenciais que se asocian ao envellecemento.

“Non debe seguir entendéndose como carga social á persoa maior, tampouco á idade asociada ao declive, pasividade e vulnerabilidade, porque as persoas maiores contribuímos ao desenvolvemento da sociedade e desexamos seguir facéndoo”, subliñou a presidenta da cooperativa, Lucía Calvo.

Calvo lembrou que a media de xubilación na Unión Europea sitúase ao redor dos 65 anos e que a esperanza de vida é de 84 anos, un dato extraído do Comité Económico e Social Europeo (CES) que, sinalou, “obríganos a repensar a preparación para a xubilación en termos de prevención, coidado da saúde e vida activa”.

Ancoradoiro Sociedade Cooperativa Galega

Ancoradoiro, que permanece aberta a máis persoas que estean interesadas en apostar por este tipo de solucións que dan resposta ao aumento da lonxevidade, é unha iniciativa sen ánimo de lucro cuxo traballo se basea nos principios e valores da economía social e solidaria, tales como a equidade, a sustentabilidade, a inclusión e o compromiso coa comunidade.