
A dobre campioa olímpica de vela, Theresa Zabell, visitou esta mañá en Baiona aos alumnos da Escola de Vela do Monte Real Club de Yates, para transmitirlles a súa paixón polo mar e algunhas leccións sobre o coidado e protección do medio ambiente.
A deportista, unha das máis laureadas da vela en España, preside desde hai anos a Fundación Ecomar, creada co obxectivo de educar aos máis novos en prácticas sustentables a través do deporte, incidindo especialmente no coidado e a protección do mar.
Esta mañá en Baiona, Zabell lembrou aos máis pequenos a importancia de recoñecer os diferentes residuos que existen para reciclalos correctamente, de protexer o litoral dos lixos que chegan desde o mar, e de manter limpas as praias dos residuos que o propio home xera, como latas, plásticos, cabichas ou vidros.
Unhas leccións que non eran novas para os alumnos da Escola de Vela do Monte Real, que desde hai anos participan en varias das iniciativas educativas impulsadas desde a Fundación Ecomar, como o Caderno de Bitácora, a recollida e reciclaxe de pilas ou as xornadas de limpeza de praias.
Neste sentido, Zabell felicitou ao club baionés polo seu compromiso co medio ambiente e animou a alumnos e directivos a seguir impulsando medidas para concienciar á sociedade da necesidade de coidar o mar.
Antes de finalizar a súa visita, Zabell entregou ao Monte Real tres velas de Optimist que a Fundación Ecomar doou ao club para as súas actividades deportivas.