Sin categoría

Baiona entrega a todo o alumnado de primaria e infantil o libro “A Walk in Baiona”

O Concello de Baiona fixo entrega de máis de 600 exemplares do libro “A Walk in Baiona” a todo o alumnado de educación infantil e primaria do municipio. Esta iniciativa, que partiu da Concellería de Educación e a Concellería de Turismo, desenvolveuse ao longo desta semana con motivo do Día Universal da Infancia celebrado este luns 20 de novembro. A propia concelleira de educación, Nuria Leyenda Gómez, levou un exemplar para cada un dos alumnos e alumnas, superando os 600 exemplares, a cada un dos centros escolares municipais: CEIP Fontes-Baíña, CEIP Belesar, CEP Sabarís, CPI Cova Terreña. Tamén a GalEscola de Baiona e a EEI O Areal.

O libro “A Walk in Baiona” trátase da versión en inglés de “Un paseo por Baiona”, unha obra que convida os lectores a descubrir Baiona desde un punto ambiental e turístico. Trátase duns exemplares ideados para que o público infantil e familiar coñezan de primeira man a riqueza natural, paisaxística e cultural que ofrece a localidade desde un punto de vista lúdico. No conto fanse distintas paradas polo municipio nas que os máis pequenos e pequenas poderán descubrir os marabillosos recursos baioneses e poñan en práctica a lingua inglesa.

A concelleira tamén aproveitou a ocasión para deixar no depósito da biblioteca de cada un dos centros escolares varios exemplares de “Samagostín”, un libro sobre o Samaín.