Sin categoría

O BNG de Gondomar recada o apoio maioritario do Pleno á moción polo 25N

O BNG de Gondomar recada o apoio maioritario do Pleno á moción polo 25N Día Internacional contra a violencia machista. A moción reclama o rexeitamento dos discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista e dos retrocesos en dereitos que está a impulsar a dereita en diversas institucións do Estado. Así mesmo, solicita o apoio ás demandas do feminismo galego e, concretamente, as convocatorias de mobilizacións impulsadas para este sábado 25 de novembro.

O BNG solicita novamente unha maior implicación das institucións galega e local na erradicación da violencia de xénero. Así, a iniciativa propón que o Pleno do Concello inste á Xunta de Galiza a incrementar os recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero e os esforzos na prevención e na loita contra a violencia sexual. Ademais, esixiu “unha maior e mellor dotación dos CIM, actualmente sobrecargados, como se pode comprobar no propio Concello de Gondomar”, declara.

A moción do BNG tamén insta ao goberno local, entre outras medidas, a dotar a área de Igualdade dunha partida orzamentaria específica e a elaboración dun protocolo contra a discriminación e o acoso laboral ou sexual para o Concello de Gondomar. “Unha proposta que sexa posta en común co colectivo ao que afecta, as traballadoras e traballadores do Concello de Gondomar, coa súa representación sindical, e que conte para a súa redacción coa participación de persoas con formación en materia de igualdade”, indicou Rodríguez.

Desde o BNG animan á veciñanza de Gondomar a participar na manifestación que, convocada polo asociacionismo feminista do Val Miñor, vai ter lugar o sábado 25 ás 20:30 horas na Alameda da Ramallosa.