
No pasado mes de maio a Entidade Local Menor de Morgadáns adquiriu unha parcela de 8.831 metros cadrados que era propiedade do Bispado, nos que actualmente se sitúa un centro veciñal, que no ano 2007 foi denunciado ante o Concello por carecer de licenza de obra, e construírse en terreo rústico. No 2009, dous anos despois da denuncia, o por aquel entón alcalde, o popular Martín Urgal, trasladou este asunto á Axencia Galega da Protección da Legalidade Urbanística (APLU), que abriu un expediente e ordenou ao Bispado de Tui-Vigo derrubar a construción.
O actual alcalde Paco Ferreira, unha vez que tomou posesión do seu cargo, estivo a traballar, xunto coa Entidade Local Menor de Morgadáns, para atopar unha fórmula que impedise que o derribo se levase a cabo. Así, e tras diferentes negociacións co Bispado por parte do Concello e a Entidade Local, no pasado mes de maio formalizouse ante notario a compra dos terreos por parte da Entidade por un valor de 26.493 euros.
Paralelamente a esta compra, o goberno local de Gondomar púxose de inmediato a traballar na redacción dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, que por unha parte salvagarde a legalidade das infraestruturas existentes na parcela, entre as que se atopa o local social e as pistas de tenis, e por outro lado permita tamén no futuro, a realización de outras infraestruturas deportivas ou culturais se fose necesario.
Este plan especial está actualmente pendente de autorización medioambiental por parte da Xunta de Galicia, e no momento que a administración autonómica a conceda, a administración local proseguirá cos trámites necesarios para a súa legalización definitiva.