O sacerdote baionés Samuel Montes toma posesión como novo párroco de Bembrive

O sábado 18 de novembro, a parroquia de Santiago de Bembrive deu a benvida ao seu novo párroco, o sacerdote baionés Samuel Montes Costas, que tomou posesión do seu novo cargo durante unha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luis Quinteiro. Esta comunidade cristiá de Bembrive estaba á espera dun novo pastor desde o pasado mes de setembro, tras o falecemento do que foi o seu párroco durante 35 anos, o sacerdote Jesús Barros.

Durante a súa intervención, Mons. Luis Quinteiro expresou a importancia de apoiar aos sacerdotes novos, para quen “será decisivo o encontro coas persoas, a proximidade cos pobres ou a actitude de xustiza” no desenvolvemento da súa tarefa pastoral. O prelado tudense tamén engadiu que “un sacerdote ten que ser un irmán entre os irmáns, alguén que, no medio vós, sexa capaz de unirvos como unha familia para que todos camiñedes xuntos”.

Ademais de párroco de Santiago de Bembrive, Samuel Montes Costas é delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria, delegado de Acción Católica Xeral e director espiritual do Seminario Menor “San Paio” de Tui. Tras a súa ordenación no ano 2015, foi vigairo parroquial de Nosa Señora das Neves, San Ignacio de Loyola e San Salvador de Teis; responsable da fase diocesana da consulta sinodal “Por unha Iglesia sinodal: Comuñón, participación e misión” e formador do Seminario Maior “San José” de Vigo. Tamén realizou estudos en Evanxelización e Catequeses na Universidade San Dámaso de Madrid.