Sin categoría

Nigrán abre a programación do 25-N co espectáculo de monicreques “Dona Barriga Verde”

O Concello de Nigrán abre este domingo 19 de novembro a programación especial polo 25-N, Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres, co espectáculo de monicreques “Dona Barriga Verde” ás 17:30 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completarse o aforo. “Dona Barriga Verde” é unha obra de monicreque de cachaporra, que integra elementos do “Barriga Verde” do noso país con préstamos doutras tradicións monicrequeiras europeas. Os paisanos, o demo ou a morte atópanse en escena co crocodilo ou o bebé habituais do Punch Inglés. E todo cunha grande particularidade: desafiar as convencións do xénero e por vez primeira, Barriga Verde, protagonista da obra, é unha muller. A programación cultural continúa o propio 25 de novembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal co monólogo “En pé de igualdade” das actrices Arantxa Treus e Marta Doviro.

Igualmente, do 20 ao 26 de novembro o Concello de Nigrán promove, un ano máis, a campaña de sensibilización contra a violencia de xénero baixo o lema “Non dá igual”, que invita a reflexionar sobre a violencia que sofren as mulleres e que non sempre se materializa en agresións físicas. Preto de 200 establecementos participaron en anos anteriores na difusión da campaña e os que desexen sumarse este ano poden solicitar o material a través dun mail a cim@nigran.org ou chamar ao teléfono do CIM (Centro de Información ás Mulleres) 986383081 / 650271896.

A campaña pretende afondar naquelas situacións nas que se exerce un maltrato sutil, difícil de identificar para as vítimas e incomprensible para as persoas da súa contorna familiar, social e laboral, que abrangue comportamentos que van dende o illamento familiar ou social, o control económico ou o control das comunicacións, ata as humillacións e menosprezos… Con demasiada frecuencia as vítimas normalizan comportamentos como revisar o seu teléfono móbil, a reprobación da súa forma de vestir, o control das amizades, ou a desvalorización das súas opinións, pensando que “non é para tanto” ou que “dá igual”. A campaña “Non dá igual” lanza un berro para dicir que eses comportamentos non son admisibles e que NON DAN IGUAL, interpela tanto a quen sufre a violencia como a quen a exerce, sen esquecer a quen a contempla e a tolera, permitindo achegarse a calquera franxa de idade.