O capitán do Celta de Vigo, Iago Aspas, padriño do Banco de Alimentos para a Gran Recollida 2023

O capitán do Real Club Celta de Vigo, Iago Aspas, é, desde hoxe, o novo padriño da Fundación Provincial Banco de Alimentos para a Gran Recollida 2023 que se celebrará os próximos 24 e 25 de novembro en supermercados da provincia de Pontevedra e, de maneira simultánea, tamén en España e Europa. Durante un acto celebrado esta tarde na nave de Lavadores, Aspas recibiu o peto de voluntario que lle acredita como novo embaixador e fíxoo, ademais, en nome do Real Club Celta de Vigo, institución elixida este ano por parte do Banco de Alimentos e que se atopa celebrando o seu centenario. Precisamente, o equipo vigués segue tendo en marcha “100 anos – 100 toneladas”, campaña a favor da ONG.

O presidente do Banco de Alimentos, Iván Martínez, fixo un percorrido pola historia da institución celeste, “creo que non esaxero se digo que non hai familia en Vigo que non vibre, desfrute, sufra e apoie ao Real Club Celta de Vigo”. Martínez tamén fixo fincapé en que Aspas é “unha figura emblemática e un dos mellores e máis brillantes xogadores”. Sen dúbida, “Aspas cumpre cos requisitos que sempre buscamos para ser abandeirado da nosa Gran Recollida: é unha persoa moi empática e comprometida coas causas solidarias, moañés de pro e nada alleo á realidade social que nos rodea”.

Xa co peto azul posto que hai agora un ano tamén portou a xornalista e presentadora, a viguesa Alba Lago, Aspas agradeceu que se pensará nel. “Para min é un orgullo a nivel individual e, tamén, para o club no ano do seu centenario”, comentou o novo embaixador, quen mostrou o seu optimismo “para chegar a eses 350.000 quilos de alimentos (obxectivo a lograr) e, quizais, superalos”, á vez que asegurou que “tentaremos apoiarlles (ao Banco de Alimentos) o máximo posible”.

“Sabemos que é un momento difícil para todo o mundo, pero, bo, todo o mundo pode apoiar poñendo o seu gran de area”, manifestou un capitán do Real Club Celta, emocionado. Acompañando ao novo padriño da Gran Recollida, estiveron tamén nas instalacións do Banco de Alimentos, a presidenta do equipo vigués, Marián Mouriño, e o director da súa Fundación, Germán Arteta, entre outros responsables.

Obxectivo: 350.000 quilos de alimentos

A Gran Recollida 2023 celebrarase os próximos 24 e 25 de novembro en máis de 130 supermercados da provincia de Pontevedra. Uns 1.800 voluntarios e voluntarias participarán nesta campaña solidaria, a de maior envergadura para os 54 Bancos de Alimentos adheridos á Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL), co lema: “Alimenta unha vida mellor”.

Se logran igualar ou superar a cifra alcanzada o ano pasado, que foron 350.000 quilos de comida recadados, estarían a garantir o abastecemento de alimentos básicos tanto ao almacén de Lavadores como á nave coa que contan en Pontevedra, polo menos, ata a primavera de 2024.

A marea azul de voluntarios e voluntarias estará presente nas seguintes localidades: Vigo, Redondela, Porriño, Mos, Baiona, Gondomar, Nigrán, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Pontevedra, Poio, Marín, Arcade, Lalín, Sanxenxo, Vilagarcía e Cambados. Algunhas cadeas de alimentación só levarán a cabo achegas económicas ao pasar por caixa nesta Gran Recollida 2023, sen posibilidade de doazóns físicas.

Últimas prazas, #haztevoluntario

Aínda que practicamente xa contan cos voluntarios e voluntarias suficientes para poder desenvolver de maneira óptima a Gran Recollida, aínda quedan libres algunhas prazas. As persoas que queiran colaborar a pé de supermercado só necesitan dispoñer de catro horas libres e darse de alta en http://www.bancoalimentosvigo.org. Así mesmo, máis de corenta colexios e institutos da provincia de Pontevedra confirmaron xa a súa participación na Gran Recollida 2023, mobilizando a parte do seu alumnado en distintos supermercados e axudando, así, na acción solidaria máis importante do Banco de Alimentos. Tamén o farán traballadores de distintas empresas colaboradoras.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos atende actualmente a máis de 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade, a través das máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan. Durante 2022, repartiron uns 2 millóns de quilos de alimentos. Cun claro carácter apolítico e aconfesional, todos os seus esforzos van encamiñados a velar polo cumprimento dun dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable.

Traxectoria profesional do futbolista

Iago Aspas (Moaña) é o capitán do Real Club Celta de Vigo e leva vinculado ao club vigués practicamente toda a súa vida profesional. Comezou a rodar o balón xa na canteira celeste á idade temperá de 9 anos. É o máximo goleador histórico e xogador con máis partidos en Primeira División do club vigués.