Todos os menores con diabete do Álvaro Cunqueiro dispoñen de monitorización de glicemia

Con motivo do Día Mundial da Diabetes que se conmemora hoxe, profesionais do Chuvi xunto coa Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia) organizaron mesas informativas nos hospitais para visibilizar esta enfermidade, sobre todo nos menores, e informar sobre os avances tecnolóxicos que axudan aos pacientes no control desta patoloxía e melloran a súa calidade de vida e a dos seus coidadores.

A Unidade de Diabetes Infanto-Xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro está composta por un Pediatra especialista en Endocrinoloxía infantil e un enfermeiro educador. No momento actual, atenden a 150 nenos e nenas menores de 16 anos con diabetes tipo 1. Anualmente diagnostícase entre 15 e 20 novos casos na Área Sanitaria de Vigo.

O Álvaro Cunqueiro conta coa tecnoloxía máis avanzada para evitarlles aos nenos e nenas as múltiples picadas que tiñan que realizarse para medir a glicemia en sangue, mellorando así a súa calidade de vida.

100% dos pacientes con motorización de glicemia

Así, a día de hoxe, todos os pequenos pacientes do CHUVI dispoñen de monitorización de glicemia; isto é, sensores implantados no pel que lles permiten realizar todas as medicións de glicosa que desexen sen necesidade de picarse.

Este dispositivo almacena esas medicións, coa data, hora, e resultado dese control; tamén conta cun sistema de alarmas de xeito que os pacientes, os seus coidadores e os profesionais sanitarios dispoñen de toda esa información en tempo real, permitíndolles tomar decisións en canto aos tratamentos.

68% con bombas de insulina

Ademais, dado que todos os menores con diabetes son pacientes crónicos, dependentes da insulina, que necesitan inxectarse esta hormona entre 4 e 6 veces ao día, tamén ofértaselles a utilización dos infusores subcutáneos continuos de insulina, as chamadas bombas de insulina. De feito, o 68% dos pacientes son usuarios de bomba de insulina.

Trátase dun sistema que regula e administra a cantidade da insulina de xeito automático tras a integración dos valores de glicemia obtidos polo sensor. Así, se o sistema prevé ou detecta que o paciente vai presentar unha hipoglucemia, suspende a infusión de insulina, mentres que se está en hiperglicemia pode incrementar a dose a administrar.