
Os J80 galegos e algunhas unidades chegadas desde Portugal esperan pacientes nos pantaláns do Monte Real Club de Yates para poder inaugurar, este sábado en Baiona, a Liga de Outono Gestilar, o campionato de monotipos que cada final de ano organiza o club baionés. Despois de non poder estrear a competición fai quince días por mor do forte vento que trouxo o temporal, as máis de vinte tripulacións inscritas sairán á auga esta fin de semana para tratar de empezar a puntuar.
Os percorridos serán os habituais neste tipo de liguiñas: bastóns barlovento sotavento de dobre volta nos que a frota se medirá en igualdade de condicións e en tempo real, polo que os resultados coñeceranse nada máis acabar as probas. Nesta ocasión, a meteoroloxía, se non se complica nas horas que restan para o inicio da Liga, anuncia boas condicións para a competición. Os equipos navegarán nun día nubrado, con pouco ou nada de choiva, e un vento que soprará do suroeste cunha media de 15 nós e refachos que superarán os 20.
Na última edición da Liga de Outono, celebrada en 2022, a vitoria foi para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro; e o Solventis Ribadeo de Bruno Gago fíxose coa prata da competición. Ambos os dous equipos volverán optar, neste 2023, ao título da competición outonal do Monte Real, que está patrocinada pola promotora inmobiliaria Gestilar.
Entre o resto da frota rexistrada para participar, atopamos tripulacións como as do Arriscao, de Antonio Francisco Gómez; o Cansino de Alejandra Suárez; o Due de Rafael Blanco; ou o Mondo de Bernardo Macedo. Tamén estarán o Namasté de Luis de Mira; o Luna Nueva de Juan Luis Tuero; o Grupo Puma de Javier Martínez Valente; ou o Waikiki de Andrés Gómez, todos do MRCYB. Con bandeira portuguesa competirán o 4 jotas de Joaquim Moreira do Clube de Vela Atlántico; e o BB Douro de Diego Sousa, o Club We Do Sailing. Tamén haberá embarcacións doutros clubs como o Cactus Digital – Petrilla de Jaime Barreiro, de Portonovo.