Sin categoría

O Porto de Vigo e Baiona acollerán un ciclo de conferencias sobre a historia e a cultura naval

O Porto de Vigo e o Concello de Baiona acollerán, ao longo do mes de novembro, un ciclo de conferencias sobre temas relacionados co ámbito da historia e a cultura naval, tanto de carácter histórico como actual, e que foron organizadas pola Comandancia Naval de Vigo. Estas conferencias teñen un marcado carácter divulgativo, polo que están dirixidas ao público xeral e o seu acceso será libre ata completar aforo.

O Edificio de Sesións da Autoridade Portuaria de Vigo será o encargado de inaugurar o programa o vindeiro mércores, día 15 de novembro, ás 19:30 horas, cunha charla sobre “A mar, espazo de interese vital para España”, que será impartida polo tenente coronel de Infantería de Mariña, D. Samuel Morales Morales. A seguinte cita prevista coa historia e a cultura naval terá lugar o 21 de novembro, ás 19:30 horas, no Edifico Multiusos situado no Mercado de Sabarís, en Baiona. Neste caso, o coronel de Infantería de Mariña, D. José Cánovas García, departirá sobre o “Desenvolvemento da Batalla De Lepanto”.

Un día despois, o mércores 22 de novembro ás 19:30 horas, o ciclo de conferencias regresará ao Edificio de Sesións da APV para debater sobre a “Historia da Armada” da man, unha vez máis, do coronel de Infantería de Mariña, D. José Cánovas García. Pechará o ciclo unha conferencia sobre o “Tte. Xrl. (Almte.) Blas De Lezo e Olavarrieta” o xoves, 23 de novembro, ás 19:30 horas, no Edifico Multiusos do Mercado de Sabarís.

A valorización da historia e a cultura marítima é o obxectivo dun dos grupos de traballo Blue Growth do Porto de Vigo. Os seus integrantes promoven a preservación e promoción do patrimonio marítimo e portuario da Ría de Vigo e a súa paisaxe cultural máis próxima, conscientes, ademais, do importante papel que a diplomacia cultural ten no deseño da acción exterior de Galicia.

Para o máximo responsable portuario “é importante coñecer o pasado para mirar cara ao futuro”. Pola súa banda, desde o Concello de Baiona, o seu alcalde, Jesús Vázquez Almuiña, puxo en valor a vinculación histórica da vila co mar. “Baiona ten un pasado, un presente e un futuro ligado ao mar”, polo que “é un orgullo” apoiar unha iniciativa cultural como esta “cun dos portos máis importantes de Europa”.