O presidente, acompañado do secretario, do Colexio Provincial de Médicos mantivo unha reunión o día 31 do pasado mes de outubro na Comandancia de Pontevedra, co coronel e o tenente coronel xefe de operacións da Garda Civil. A reunión serviu para o intercambio de información e a posta ao día en relación ás agresións e ameazas de diferente índole, ao persoal sanitario para desta forma axuntar esforzos e aumentar a protección do colectivo sanitario.
Ademais dos servizos das patrullas de seguridade cidadá que se realizan ao redor dos centros de saúde, e as entrevistas periódicas que se producen entre a Garda Civil e o colectivo sanitario, esta reunión pon en valor e lembra o uso por colectivos vulnerables da app “AlertCops” da Secretaría de Estado de Seguridade. Esta aplicación que a pode usar calquera cidadán unha vez descargada no seu móbil, permite comunicarse coas Forzas e Corpos de Seguridade de Estado en tempo real de maneira directa, inmediata e sinxela.
A app dispón dun botón SOS para colectivos vulnerables, actualmente vítimas de violencia de xénero e persoal sanitario, e permite a un integrante do colectivo sanitario que se identificou previamente como pertencente ao colectivo, enviar unha alerta urxente á Central Operativa Complexa da comandancia pulsando repetidamente 5 veces en menos de 6 segundos o botón no móbil, sen necesidade de acceder á app, e desta forma o audio gravado é escoitado na Central da Comandancia, acudindo de forma inmediata a patrulla máis próxima ao lugar onde se atopa o sanitario ou sanitaria ameazada ou agredida, xa sexa no seu centro de traballo, ou en calquera outro lugar onde se atope desprazado realizando o seu labor.

