Manifesto Miñor presentará unha moción para debater no próximo pleno co obxectivo de tomar medidas urxentes que diminúan os efectos das enchentes en Gondomar. “Todos os estudos científicos apuntan á existencia de fenómenos atmosféricos extremos por mor dun cambio climático que xa está aquí. Un problema que irá medrando e a respecto do cal os gobernos, as administracións públicas, etc, teñen a obriga de poñerse mans á obra, tanto para reducir o seu impacto inmediato, como sobre todo para reverter a situación a medio e longo prazo naquilo que dependa da actividade humana. No caso de Gondomar, dende a Administración Local, cómpre actuar, tanto con iniciativas propias como demandando das demais administración públicas actuacións urxentes, que dende Manifesto Miñor coidamos que teñen que ver máis co sentido común e a aplicación da lei, que con grandes investimentos ou grandes obras que tampouco resolverán definitivamente o problema, pois enchentes hóuboas e vainas haber sempre”, sinala Antonio Araújo.
As enchentes deste outono adiantáronse con especial virulencia volvendo sementar a inquietude e o medo entre as persoas, as familias, comerciantes… afectadas polas riadas do pasado Nadal e presaxiando un inverno complicado. Moitas desas persoas afectadas, e mesmo os danos causados en bens públicos, aínda hoxe están pendentes de reparar ou resolver cos seguros, etc. A pasada noite do 25 para o 26 de outubro, foron moitos os veciños os que tiveron que estar alerta de novo retirando coches, aveños, baleirando rochos…. “Para moitos de nós tocou revivir o acontecido hai menos dun ano…. Ninguén nos avisou de nada”, lamenta Araújo. “Pola maneira que ocorreron os feitos (igual ca sempre) existe a sospeita de que volveran abrir as comportas do Encoro de Zamáns de madrugada (sobre as cinco) segundo nos din os veciños do barrio da Ponte en Mañufe, un feito difícil de confirmar pois a información sobre este tipo de actuacións non é doada de conseguir por un colectivo social ou como nós mesmos. A maiores, dende Manifesto Miñor non entendemos como unha denuncia sobre este asunto presentada na Fiscalía de Vigo polos veciños afectados foi arquivada co peregrino argumento que nesas actuacións non se apreciaban indicios delituosos ao non se advertir nas mesmas mala intención”.
“Chegado a este punto, e co inverno ás portas e cos presaxios que xa se dixeron, esta Corporación Municipal ten a obriga moral e política de tomar cartas no asunto. En primeiro lugar tomando aquelas medidas que entran no ámbito das competencias municipais, e en segundo lugar denunciando e esixindo aqueloutras que son propias doutros organismos públicos, que como mínimo pasan polas que a seguir se propoñen”, continúa o voceiro de Manifesto Miñor.
1º.- Na liña de ir desatuíndo o leito do Río Miñor até eliminar todos aqueles atrancos que impiden o fluír natural das augas, demandar da Deputación Provincial de Pontevedra, propietaria ou responsable das pontes da Xunqueira en Borreiros, da ponte da Barga en Donas, e da Ponte Románica de Mañufe, a apertura dos ollos das mesmas actualmente cegos e a apertura doutros novos como sería no caso da ponte da Barga en Donas e mesmo tamén na da Xunqueira.
2º.- Entre a ponte da Xunqueira e da Barga, á altura do “almacén de Butano”, existe dende hai décadas para nós un dos principais tapóns xusto onde o Río Miñor precisa de máis apertura para evacuar as augas das enchentes de todo o Val de Miñor. Os recheos que alí se fixeron superan os seis metros de altura sobre a rasante natural do terreo creando un “canón” artificial duns 300mts de lonxitude que en marea alta convértese nun dique coas consecuencias que todos coñecemos río arriba. A este efecto negativo hai que lle sumar a perda de capacidade de arrastre do río coa conseguinte perda de area nas praias da comarca (queda toda no leito do río) ou a colmatación con sedimentos da propia xunqueira convertendo parte da mesma en pastos con árbores medrando. Manifesto Miñor propón demandar de Augas de Galicia e de Costas do Estado, unha actuación urxente nese punto co obxecto de restaurar a rasante natural da zona, así como para recuperar o dominio público inexistente neste momento, para que o Río Miñor faga o traballo de rexeneración da xunqueira.
3º.- Outro mal endémico no maltrato ao Río Miñor con consecuencias directas nas enchentes, son os recheos que a día de hoxe seguen realizándose aparentemente con total impunidade, polo que habería que dirixirse aos organismos competentes para que procedan á inspección destes feitos e á toma de medidas urxentes, claras e eficaces.
4º.- O abandono dos labores agrícolas nas fértiles terras das beiras do Río Miñor trouxo como consecuencia directa o descontrol e a proliferación de especies de árbores, maiormente alóctonas, que a día de hoxe por mor dos temporais invade a canle do río atravesándoo e producindo importantes retencións e a perda da fluidez natural das augas, o que favorece as crecidas e unhas enchentes de maior nivel. A moción propón ao Pleno da Corporación Municipal acordar dirixirse a Augas de Galicia para que axilice a corta e a saca destas árbores caídas no leito do río antes do inverno.
5º.- O encoro de Zamáns é coma unha espada de Damocles que leva anos pendurada sobre as nosas cabezas e que, malia as consecuencias que os desaugues sen control levan producido na Vila de Gondomar, no barrio da Ponte en Mañufe, etc, a día de hoxe parece que os responsables da mesma teñen bula e nin avisan cando abren as comportas. Unha actitude que non se entende cando os sistemas de predición meteorolóxicas e as novas tecnoloxías poderían evitar moitas das consecuencias que todos coñecemos. A moción insta a dirixirse ao Concello de Vigo, titular do encoro de Zamáns, e á empresa que xestiona o mesmo, para que corrixan esta situación canto antes, comezando por elaborar (ou mostrar se o teñen) o plan de emerxencias do devandito encoro.
6º.- Como queda claro na moción este é un asunto que, como mínimo, é competencia de catro Administracións Públicas: Concello, Deputación, Xunta de Galicia e Goberno do Estado, polo que a cooperación entra todas elas é imprescindible para resolver este asunto. Por razóns obvias tócalle ao Goberno Municipal establecer os consensos necesarios para que isto funcione. O Alcalde deberá iniciar as xestións, contactos, etc, que sexan necesarios coas devanditas administracións co obxecto de establecer unha cooperación real e efectiva que axude a resolver probablemente, un dos problemas máis graves que neste momento temos no Concello de Gondomar.
7º.- Na liña de colaboración citada no punto anterior, hai unha cuestión de suma importancia que ten que ver con colaborar/escoitar ás persoas afectadas polas enchentes, con toda seguridade van dar claves do problema, e polo tanto das posibles solucións, que por estar a pé do canón son coñecedoras da situación mellor que ninguén. A moción pide incorporar aos traballos de redacción do “Plan de Acción Municipal de Riscos de Inundacións” (PAMRI) á veciñanza organizada na “Asociación de persoas afectadas polas enchentes dos Ríos Zamáns e Miñor”.
8º.- Por último, que por parte dos servizos municipais de Medio Ambiente se proceda a unha vixilancia periódica e sostida no tempo dos Ríos Zamáns e Miñor co obxecto de detectar todas aquelas anomalías ou agresións que se vaian producindo de agora en diante.

