Sin categoría

Un alumno do CPI Arquitecto Palacios de Panxón gaña o concurso de Aqualia

Concello de Nigrán e Aqualia fixeron pública a relación de gañadores do Concurso Dixital Infantil que este ano se convocou baixo o tema “Aqual e ODS6, Aquaventura coa Cuadrilla Sostible”, en torno ao site http://www.aqualiayods6.com. Así, Nael Ramilo Colmenero, do CPI Arquitecto Palacios, resultou gañador deste certame nacional e outros tres nenos do municipio quedaron finalistas, sendo Bárbara Fernández González e Carlos Prado Rodríguez, ambos do Ángel de la Guardia, e Pablo Bello Salinas, do CPI Arquitecto Palacios. No concurso estaban chamados a participar os nenos que estivesen a cursar 3º e 4º de Primaria de todos os colexios de Nigrán. O premio, entregado polo alcalde e a responsable de Aqualia no municipio, Juan González e Marián Lago, consistiu nun cheque de 250 € en material deportivo para o gañador e tres de 30 € para os finalistas.

“Os participantes en Nigrán demostraron unha gran creatividade ao idear diferentes ecosistemas (montañas, océanos, desertos, humidais…) nos que aplicaron os seus coñecementos sobre a auga e como coidala para protexer a biodiversidade”, explican desde Aqualia. “Ao finalizar os seus debuxos e na sección ‘Retos Sostibles’, puideron definir cal é o reto co que se comprometen a diario para, con pequenos xestos cotiáns, transformar o planeta e, con iso, apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, e sorprendémosnos co gran sentido da sustentabilidade que teñen os nosos mozos”, engaden.

O certame proporcionou 4.100 horas de formación dixital en sustentabilidade e consolídase así como un proxecto educativo de referencia, que xa conseguiu formar a preto de ‪300.000‬ mozos na importancia da xestión eficiente da auga e do traballo que hai detrás de abrir a billa e contar con auga de calidade. A acción enmárcase no conxunto de iniciativas que regularmente desenvolve Aqualia con colexios, institutos e centros universitarios para dar a coñecer as fases do ciclo da auga e educar nun uso e consumo máis responsable deste recurso.