Sin categoría

O goberno de Nigrán rexeita un novo período de exposición pública para o PXOM

O goberno de Nigrán rexeitou no pleno ordinario a proposta do BNG (secundada tamén polo PP) de abrir un novo período de exposición pública para o PXOM “porque conlevaría un retraso doutros 10 anos para a súa aprobación”. Neste sentido, o rexedor criticou e lamentou a intención da oposición de retrasar por todos os medios a aprobación do documento “co único fin de que non sexa este goberno o que aprobe o Plan Xeral por ser algo crucial para a veciñanza”.

O documento foi aprobado inicialmente o 14 de xuño de 2013 e estivo en período de exposición pública dous meses a partires do 3 de xullo de 2013, ampliándose finalmente este prazo ata o 13 de outubro de 2013. “Tiveron que pasar 10 anos para, unha vez respondidas todas as alegacións e realizadas as correccións pertinentes, acadásemos todos os informes sectoriais favorables, sendo o último o da Axencia Galega de Infraestruturas o 26 de febreiro deste ano”, explicou o alcalde.

“Estamos ás portas de aprobar o Plan Xeral, non podemos seguir máis cunhas normas que datan de 1991, a aprobación do PXOM é urxente. Un novo período de exposición pública tradúcese en máis alegacións e agardar polas respostas da Xunta e demais administracións, está claro que sempre haberá persoas que non estean conformes porque queren que o seu terreo sexa edificable, pero aí xa non podemos entrar, este é un documento urbanístico para o conxunto do municipio”, considera González, quen critica que a oposición cualifique ao goberno de “escurantista” tras telo exposto parroquia a parroquia os pasados meses, estar pendurado na web e nas asociacións veciñais e abrir polas tardes o departamento de Urbanismo con máis de 400 consultas atendidas a particulares.

Igualmente, o alcalde avanza que se está ultimando a convocatoria dun Consello Sectorial ao respecto para o mes de novembro, pendente só de rematar a actualización do listado das asociacións participantes ao ter desaparecido moitas delas ou teren modificado os seus datos. “Cada veciño coñece perfectamente a súa situación. O BNG di sen criterio algún que abrir a exposición pública o PXOM un mes retrasa o procedemento un mes… pois ben, non é certo, ao pasado me remito e, en todo caso, non dependería do Concello porque as alegacións as responden as outras administracións e xa vimos que se demoraron 10 anos”, finaliza.