Baiona aposta por un Nadal sostible

O Concello de Baiona aposta por un Nadal sostible, por iso é polo que por primeira vez, a través das Concellería de Festexos e da Concellería de Medio Ambiente, organiza un concurso de adornos de Nadal con materiais reciclados. A iniciativa do Concello de reutilizar materiais para realizar decoración do Nadal dá un paso na reciclaxe e para implicar á veciñanza nesta peculiar forma de adornar o municipio. Establécense dúas categorías con importantes premios: unha destinada ás asociacións culturais, sociais, deportivas, comunidades (veciños, montes, augas…), grupos informais e cidadanía baionesa; a outra destinada a institucións e centros educativos regrados e non regrados: escolas de danza, música, idiomas…. En canto aos premios para ambas as dúas categorías van desde os 800€ o primeiro premio, o segundo de 400€, o terceiro de 200€ e o cuarto e quinto de 100€.

O obxectivo é promover e incentivar a creatividade e implicar á poboación e a todos os sectores da sociedade baionesa na decoración do Nadal coa premisa ambiental de reciclar, reducir e reutilizar. O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Festexos e Medio Ambiente, Ruth Álvarez González, sinalan que “se trata de tomar conciencia sobre a cantidade de residuos diarios que xeramos coa consecuente problemática ambiental, comprendendo o valor de evitar consumos innecesarios e promover a busca e descubrimento de posibles solucións alternativas aos adornos tradicionais”. Así mesmo, destacan que “tamén é unha oportunidade de traballar en familia, que os veciños e veciñas das distintas asociacións, entre os compañeiros e compañeiras dos centros educativos e formativos da vila…” e ao mesmo tempo, animan á veciñanza a participar neste proxecto para facer do Nadal baionés “un exemplo de sustentabilidade e boas prácticas de reciclaxe”.

A temática do concurso estará vinculada á decoración de adornos de Nadal de tamaño xigante ou medio para exteriores elaborados na súa maioría con materiais de refugallo como papeis, tarxetas, botellas de plástico, cds, tapacubos, anellas de lata, latas, tetrabriks, rodas de bici, tubos de cableado, madeiras, cortiza, teas, etc…. susceptibles de transformarse nun elemento ou peza decorativa de temática do Nadal como bolos de natividade, grilandas, faroleiros, bonecos de neve, árbores e figuras do Nadal… Estes adornos ou composicións teñen que ter a robustez suficiente para soportar as inclemencias meteorolóxicas (choivas, vento, etc). Quedan excluídos o cristal e a porcelana ou outros que pola súa fraxilidade de rotura puideran supoñer un risco para a poboación. As figuras e adornos estarán expostos durante os meses de decembro e principios de xaneiro, o que contribuirá a crear un ambiente do Nadal orixinal e vistoso nestas datas na Vila de Baiona.

Terán a posibilidade de engadir iluminación coa condición de que se garante que sexa apta para exteriores. A inscrición para participar realizarase na Oficina de Rexistro do Concello ou a través da Sede electrónica, e o prazo de inscrición estará aberto ata o 15 de novembro.