Sin categoría

O forte vento impide aos J80 inaugurar a Liga de Outono Gestilar en Baiona

O forte vento impediu este sábado aos J80 galegos inaugurar a Liga de Outono, que o Monte Real Club de Yates organiza co patrocinio da promotora inmobiliaria Gestilar. De dirección sur e sostido por encima dos 25 nós, con refachos de ata 40, o vento foi o protagonista dun día no que as case 20 tripulacións participantes nin tan sequera chegaron a saír á auga.

Varios membros do comité de regata foron os encargados de controlar a situación desde o mar, decidindo aprazar o inicio da competición nun primeiro momento, e anulando a competición cando viron que a situación non melloraba. Así as cousas, a Liga de Outono Gestilar J80 queda pendente de abrir marcadores. A competición retomarase o próximo mes de novembro con dúas xornadas programadas para os días 11 e 25.