Sin categoría

Os J80 galegos volven á auga para disputarse a Liga de Outono Gestilar

Os J80 galegos e varias unidades de Portugal volven á auga este sábado para disputarse a Liga de Outono Gestilar, que o Monte Real Club de Yates organiza un ano máis grazas ao patrocinio da promotora inmobiliaria.

Tras a disputa do Mundial de J80, o pasado mes de setembro en Baiona, os monotipos de 8 metros están listos para retomar as liguiñas estacionais que o club baionés organiza durante os meses de outono e inverno.

Neste caso, a competición terá catro actos, os días 28 de outubro, 11 e 25 de novembro e 16 de decembro. Serán catro fases cun máximo de tres probas por xornada e un tope de doce probas en total as que revelarán o podio gañador do campionato, que terá un comezo marcado polas borrascas que levan días afectando a Galicia.

Aínda que coas condicións actuais resulta complicado acertar ao cento por cento coa previsión meteorolóxica, todo apunta a que a frota terá que facer fronte a unha xornada de moitas nubes, algo de choiva e ventos por encima dos 18 nós, con picos que se poderían aproximar aos 30. Unhas condicións que marcarán, sen dúbida, o desenvolvemento das probas, que previsiblemente serán bastóns do tipo barlovento sotavento.

Entre os participantes nesta edición atopamos, entre outros, ao Namasté de Luis de Mira; o Luna Nueva de Juan Luis Tuero; o Grupo Puma de Javier Martínez Valente; ou o Waikiki de Andrés Gómez, todos do MRCYB. Con bandeira portuguesa competirán o 4 Jotas de Joaquim Moreira do Clube de Vela Atlántico; e o BB Douro de Diego Sousa, o Club We Do Sailing. Tamén haberá embarcacións doutros clubs como o Cacto Digital – Petrilla de Jaime Barreiro, de Portonovo.

Na última edición da Liga de Outono, celebrada en 2022, a vitoria foi para o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro. O Solventis Ribadeo de Bruno Gago e o Bica de Chisco Catalán fixéronse coa prata e o bronce respectivamente; e a cuarta e quinta posición foron para o Cansino de Nano Yáñez e o Pezoas de Nicolás Ángel Álvarez.