O BNG lamenta que as enchentes volvan causar danos “pola inoperancia dos gobernos local e galego”

O BNG lamenta que as primeiras enchentes do outono-inverno volvan causar danos pola inoperancia dos gobernos local e galego. “É indignante que, logo das enchentes vividas no nadal pasado e das súas graves consecuencias, volvamos vivir situacións como as de hoxe sen ter adiantado nada na liña da prevención”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.

Así, veciñanza e comerciantes das zonas inundábeis do concello volven vivir co medo de repetir situacións similares. Mentres o Alcalde anda de viaxe sen deixar as deberes feitos.

O BNG advertiu desta posibilidade, pero “tacháronnos de alarmistas e agora vemos o perigo”, lamenta Rodríguez. “Case un ano despois das terribles inundacións seguimos sen plan municipal de inundacións e as obras da Xunta sen sequera empezar. Pura incompetencia e incapacidade do goberno local do PSOE e do goberno galego do PP”.

O BNG visitou hoxe as zonas asolagadas para trasladar o seu apoio ás persoas afectadas e volve a se poñer á súa disposición á súa disposición e á do goberno local para colaborar nos traballos de axuda se for necesario.

Ao tempo, convoca unha concentración para este sábado 28 de outubro, ás 12:00 horas diante do Concello, para demandar medidas urxentes no camiño de evitar, con todos os mecanismos posíbeis, que se produzan máis danos materiais e que se poidan dar peores consecuencias.