Gondomar busca a súa cuarta “Flor de Honra” no certame de Vilas en Flor

O Concello de Gondomar participa por quinto ano consecutivo no certame internacional Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que busca a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes.

Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), dous membros do xurado visitaron este luns a Vila Condal para coñecer a evolución do Concello para potenciar e impulsar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación veciñal no coidado da contorna natural.

O equipo de Goberno, xurado e técnicos da empresa de xardinería fixeron un percorrido polos principais lugares da vila, dende a Praza Paradela, Parque de Ánimas, Alameda, Casa Peralba, Parque das Rosas, Parque da Coelleira e Cercas para rematar na recentemente renovada Praza de Rosalía de Castro, onde o xurado destacou o gran cambio que supuxo a realización desta obra, sendo un exemplo de transformación e de recuperación de espazos públicos nun Gondomar pensado para as persoas.

Son máis de 2.000 metros cadrados que pasaron de ser un aparcadoiro a unha zona de ocio e convivencia que permite un maior dinamismo social e económico da contorna. Sumado así a incorporación de numerosos elementos vexetais creando así uns xardíns vencellados á figura de Rosalía de Castro e a súa obra.

O Goberno local mostrou a súa satisfacción pola visita do xurado do certame Vilas en Flor e mostra o seu convencemento de que Gondomar obterá a súa cuarta Flor de Honra. “O equipo de Goberno segue a traballar en proxectos para a consolidación e desenvolvemento de accións e proxectos futuros que consoliden e acrecenten a transformación verde e sostible de toda a veciñanza, como o proxecto da Alameda”.