Sin categoría

Ferreira lamenta “a falta de lealdade e colaboración” da Xunta de Galicia

O Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lamenta que a Xunta, a través do organismo de Augas de Galicia, “presuma” de actuacións que non realizou e que falte á verdade. “Esta semana, a Xunta de Galicia sorprendía coa publicación dunha nota de prensa na que informaba de ter liquidado un problema de filtracións no saneamento en Piquetes, na parroquia de Mañufe, que estaba a provocar unha vertedura de augas residuais ao rego do mesmo nome”.

A este respecto, desde o Concello aclaran que, no pasado mes de abril tiveron coñecemento da existencia dunha vertedura ao saneamento, na zona de Piquetes e “debido ao mal estado da construción da rede en tempo do PP (cando para eles facer saneamento era tirar un tubo diante de outro polas leiras sen ningún control ou rigor)”, concedendo 1 mes de prazo ao concello para realizar as actuacións necesarias que o liquidasen, “tempo moi reducido para contratar os traballos a una empresa especializada dadas as dificultades técnicas dos mesmos”. A pesar de que o Concello pediu unha prórroga a Augas de Galicia, este organismo denegouna e “lonxe de colaborar coa administración municipal, sancionouna con 2.400 euros”.

“Parece que a Xunta non ten a intención de traballar de forma coordinada e colaborativa para mellorar servizos e infraestruturas no noso municipio, adoptando medidas que parecen máis de persecución que de control e colaboración”, comenta o Alcalde. “Afortunadamente podemos afirmar que a data de hoxe, e como ben informan os técnicos da Xunta de Galicia, o problema xa está liquidado, grazas aos traballos realizados a cargo do Concello de Gondomar e que supuxeron un investimento de case 18.000 euros, un importante gasto para as arcas municipais aos que lamentablemente hai que sumar 2.400 euros dunha sanción inxustificada e que evidencia un afán confiscatorio deste organismo”.

“Pero o máis lamentable é ter que ler que a Xunta eliminou unha vertedura en Gondomar, cando o único que fixo, lonxe de colaborar, foi sancionar ao Concello cun afán de recadación e persecución, e que curiosamente como consecuencia das cousas mal feitas do pasado por este organismo e polo Concello, ao instalar unha rede de tubaxes de cemento e fibrocemento polas concas dos regatos e ríos, propiedades privadas e sen proxecto nin nada”, conclúe o alcalde.