Sin categoría

Ferreira lamenta a “dobre vara de medir” da Xunta de Galicia

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, felicita á Xunta de Galicia por esixir á empresa Fenosa e á telefónica Movistar, que asuman as súas competencias na senda peonil que une Gondomar e Ramallosa, que permita finalizar estas obras que está a executar o goberno galego e que suman varios meses de paralización por este feito.

Lamenta, con todo, o rexedor gondomareño a “dobre vara de medir” que aplican os representantes autonómicos e municipais do PP á hora de valorar as obras que se executan por parte da Xunta na zona do Val Miñor, entre as que se inclúe o centro de saúde de Gondomar, dependente das competencias autonómicas.

Lembra que neste caso “preferiron criticar directamente ao goberno que dirixo pola demora na execución e a súa posta en funcionamento cando saben que depende da compañía Fenosa -como ocorre coa senda peonil- á que se outorgou a pertinente licencia para que acometa a reposición dos servizos”.

O alcalde de Gondomar considera, por tanto, “incomprensible este dobre discurso” da Xunta de Galicia e confía en que, do mesmo xeito que instarán á compañía para que cumpra os prazos fixados na senda peonil Ramallosa-Gondomar, fagan “exactamente o mesmo en relación co centro de saúde da nosa localidade”.