Sin categoría

As intensas chuvias deixan numerosas incidencias en Baiona

O Concello de Baiona informa de que a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior acaba de activar un plan especial por risco de inundacións en Galicia. Activouse a fase de preemerxencia. A meteoroloxía adversa deixa un gran número de incidencias no municipio.

Desde primeira hora desta mañá o Concelleiro de Vías e Obras, Gonzalo Pérez Barreiro, e efectivos municipais, traballan para reparar os danos causados polo mal tempo. As intensas choivas provocaron numerosas inundacións e o servizo municipal de vías e obras estivo achicando a auga e limpando. Un dos puntos máis conflitivos, tivo lugar no Centro Cultural Municipal de Belesar, onde a auga chegou ata os 80 cm. Tamén no Camiño Gabín, entre outros, asolagáronse garaxes das vivendas.

O resto de parroquias do municipio do mesmo xeito sufriron asolagamentos: en Sabarís, no Camiño Marroco de Gándara, Camiño das Monxas, Camiño da Quirincosta, en Viso de Calvos… Dicir que os Camiños de Pouquena e Camiño Chico non tiveron incidencias importantes tras as obras realizadas por Augas de Galicia hai escasas semanas. No centro de Baiona do mesmo xeito que en Sabarís algúns locais comerciais sufriron inundacións na Avenida Monterreal. En Baíña na EP-2201 Baiona-Baíña-Fontes, á altura da coñecida como “Curva de Víctor Moro” caeron pedras nesta estrada.

Desde o Concello de Baiona estase en contacto co servizo de estradas da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia. Precisamente, o servizo provincial de estradas actuou esta mañá retirando unhas pedras de gran tamaño desprendidas na estrada EP-2202 entre a Virxe da Rocha e Baredo. Tamén houbo desprendementos na zona de entrada da autoestrada nesta parroquia.

Os operarios continúan traballando para que a localidade volva á normalidade. Así mesmo, efectivos da Policía Local interviñeron en varias incidencias, a maioría polos asolagamentos debido ás precipitacións das últimas horas, algúns dos cales dificultaron a circulación de vehículos. O temporal tamén fixo ceder o asfalto, xerando algunha que outra focha ou caída de pedra de muro en varias das parroquias do municipio.

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, solicita a todos os baioneses “máxima precaución especialmente nas estradas evitando o desprazamento por vías secundarias. De non poder evitarse, pedimos precaución á hora de circular co vehículo polas vías e camiños da localidade. O vento e as choivas irán perdendo intensidade, pero as precipitacións non desaparecen”.