Sin categoría

Patos acolle o Campionato de España de Surf Adaptado e a Copa Concello de Nigrán

A praia de Patos volve ser durante toda esta semana un exemplo para todo o país do verdadeiro surf universal. O areal acolleu este mesmo martes o trofeo “Concello de Nigrán” de Surf Adaptado (participaron 14 persoas con discapacidade intelectual) e a presentación do Campionato de España de Parasurf que se celebra ata o sábado 28 de outubro e que está dividido en 7 categorías segundo o tipo de discapacidade física. Esta proba nacional celébrase xusto antes do Campionato Mundial que terá lugar a vindeira semana en California e volve traer a Patos a moitos dos deportistas españois seleccionados para ir a EEUU: Sarah Almagro, marbellí amputada aos 18 anos de mans e pés e referencia internacional neste deporte; Daniel Muller, canario de orixe alemá sen mobilidade nas pernas; Audry Pascual, surfista madrileña sen mobilidade nas pernas e referente tamén no ski; e o galego Dani Souto, con discapacidade visual e campión de Europa. A novidade é que se desenvolverá desde o mércores e ata o sábado 28, adaptándose o día e hora das diferentes mangas ás condicións do mar co obxectivo de que todos os inscritos poidan competir.

O evento deportivo, presentado no mediodía deste martes no propio areal, está promovido desde Quenlla Surf Clube (único club galego dedicado ao parasurf e con sede en Nigrán), Federación Galega e Española de Surf, Xunta e Concello de Nigrán como parte do seu programa de accesibilidade universal “Un Nigrán para todos”. Ademais, colabora Nasas Nigrán, Aqualia e Fundación Bimba y Lola. “Patos é xa sinónimo de inclusión e diversidade ao acoller 3 dos 4 campionatos de España realizados ata agora. Esta competición nos ofrece cada ano unha lección de vida e de superación. Somos un exemplo en políticas de accesibilidade universal e agora unha referencia internacional en surf adaptado grazas á sensibilidade das nosas escolas. Esta é a mellor imaxe que podemos exportar do noso municipio e non se limita a un día, se non a todo o ano”, explica o alcalde, Juan González, quen ao atoparse fóra de España como presidente do Fondo Galego de Cooperación estivo representado pola concelleira de Deportes, Sara Penedo. “O surf demostra que rompe barreiras e para nós é un orgullo que sexa, precisamente, en Patos”, indicou a edil na presentación.

Deste xeito, Patos acollerá a 30 surfistas chegados de todo o país con diversas discapacidades físicas e agrupados en diferentes categorías atendendo á súa especificidade (invidente total ou parcial, falta de extremidade/s superior ou inferior, surfistas que collen a onda sentados ou tombados…)… “Cada un deles nos dá leccións de vida moi positivas e necesarias para todos”, engade González. Todos se aloxarán gratuitamente na Residencia de Tempo Libre. “O deporte transmite valores como o sacrificio, tesón, constancia… e no caso do adaptado máis”, considera Luis Pena, presidente de Quenlla Surf e promotor do campionato. Precisamente, na “Copa Concello de Nigrán” participaron 6 dos seus deportistas con discapacidade intelectual e no Campionato de España estará presente David Mella, mozo tomiñés de 32 anos que hai menos de 2 anos quedou tetrapléxico nun accidente de bicicleta e, a día de hoxe, é unha gran promesa do parasurf nacional e subcampión do mundo de paracanoe (antes do accidente xa practicaba piragüismo).

“A aposta da Federación é absoluta e, de feito, agora mesmo somos un exemplo para outros países, eles ven cara nós como referencia do surf adaptado. Somos campións do mundo e de Europa e sabemos que no ano 28 ou 32 vai a ser declarado olímpico”, asegurou Lourenço Chaves, o xerente da Federación Española de Surf. “O mar é terapéutico en si mesmo e, grazas á visibilidade deste campionato, rompemos moitas barreiras e se anima moita xente con discapacidade a probar no mundo do surf”, indicou Dani Souto. Desde a Xunta, Xosé Ramón Lete recordou que o primeiro Campionato de España foi en Cantabria sen deportistas galegos e, sen embargo, transcorrido o tempo agora se celebra en Galicia coa presencia de moitos deportistas da comunidade.