Sin categoría

Profesoras da vila irmá de Pornic visitan Baiona

O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, e a Concelleira de Educación, Nuria Leyenda Gómez, recibiron na Casa do Concello a unha delegación francesa de profesoras da vila irmá de Pornic, que se desprazaron ata Baiona para realizar unha semana lectiva de incursión no CPI de Cova Terreña de Baiona. As profesoras francesas acudiron acompañadas da Directora deste colexio baionés, Isabel Martínez Cabaleiro, que exerceu de anfitrioa na vila das súas homólogas de Pornic xunto coa Xefa do Departamento de Francés do CPI de Cova Terreña, María Paz Rodríguez González. Da Ville de Pornic desprazáronse as profesoras do Collége Jean Mounés: Véronique Nocet e Marie – Noëlle Andrieu.

Baiona e Pornic reforzarán os seus lazos unha vez máis cun intercambio entre alumnado de ambos os dous municipios. Esta foi a razón pola que as profesoras francesas viñeron ata a localidade, para organizar xunto as profesoras baionesas a viaxe que o estudantado realizará á vila irmá o próximo mes de marzo. Do mesmo xeito, as mestras aproveitaron a ocasión para coñecer a estrutura administrativa e o funcionamento do colexio baionés e para coñecer de primeira man como actúan todos os axentes implicados no ensino da localidade.

O rexedor baionés destaca a importancia destes intercambios. “O Concello de Baiona procura que as súas relacións co pobo irmán non se limitasen a esporádicos encontros, senón que estes establecésense con carácter permanente e de continuidade no tempo. Que non fosen unhas relacións exclusivamente de órganos oficiais ou autoridades protocolarias, senón de carácter cidadán e de participación activa da sociedade, construíndo unha verdadeira familia colectiva e dándolle a maior dimensión humana posible e con esa idea fomentouse e estase organizando este intercambio”.

Esta enriquecedora iniciativa permitirá que os baioneses se nutran dun importante intercambio de culturas, tradicións e costumes poñendo en práctica o idioma francés.