Sin categoría

Alberto Meira logra unha das súas mellores vitorias nun complicado Rallye San Froilán

A penúltima cita da tempada no Campionato Galego de Rallyes foi unha proba de fogo para o equipo AMF Motorsport, que por primeira vez na tempada enfrontábase co seu rival polo título autonómico en igualdade mecánica, e onde o resto da competencia era a priori moi forte, sobre uns tramos bastante complicados polas inclemencias meteorolóxicas, que fixeron clave a elección de gomas en cada asistencia.

Alberto Meira e Avelino Martínez pronto se adaptaron ás delicadas condicións e tras a primeira sección disputada no serán do venres, deitábanse como líderes da cita lucense. Ao día seguinte, as diferenzas co seu máximo rival continuaron sendo curtas, chegando ao ecuador da proba con 7 segundos a favor do piloto de Vincios.

No segundo bucle do sábado, Meira estendía a súa vantaxe ata os 12 segundos tras arriscar a montar pneumáticos de seco, pero a choiva aumentaba nas seguintes especiais e vía como a súa renda caía ata os cinco. Lonxe de vir abaixo, Meira soubo repoñerse cun fenomenal scratch na segunda pasada por Láncara, que practicamente sentenciaba un triunfo que lograba por 10 segundos de marxe, tras unha pelexa titánica e sen descanso.

Meira describía así como foi un dos triunfos máis pelexados da súa carreira deportiva: “Estamos moi contentos por impoñernos nun rallye tan duro como este San Froilán, que estaba moi complicado e onde tivemos que correr moitísimo. Quero dar as grazas tanto a Avelino como o equipo, que funcionaron á perfección durante toda a fin de semana, así como aos nosos patrocinadores que tanto nos apoian”.

Con esta xa son catro vitorias as que logrou Alberto Meira na proba lucense, as tres últimas de maneira consecutiva a lombos do Skoda Fabia R5. A falta da última cita, en Arousa, o gondomarense xa é matematicamente subcampión galego de rallyes.