Nigrán ofrece a súa programación de Samaín máis ampla

O Concello de Nigrán ofrece desde o xoves 26 de outubro ao propio 1 de novembro a súa programación máis ampla de Samaín, centrada especialmente nos nenos. Durante toda esa semana haberá obradoiros infantís a cargo de Igualarte, repostería de galletas terroríficas, visitas teatralizadas ao cemiterio de Ceán e Panxón, un roteiro micolóxico para nenos e unha película de medo para nenos.

Así, o Samaín de Nigrán arranca o xoves 26 de outubro a partir das 17:30 horas no Auditorio Municipal con diferentes obradoiros para nenos a cargo de Igualarte (fundación artística integral, para persoas con capacidades diferentes, situada en Vigo). Os asistentes poderán participar en xogos de música, manualidades, repostería, maquillaxe aterrador ou tatuaxes luminiscentes. A entrada será libre ata completar o aforo.

Igualmente, o Concello repite os obradoiros de galletas terroríficas con Chupipostres no CEE de Panxón (venres 27 ás 18:00 horas e o sábado 28, domingo 29, e mércores 1 de novembro ás 11:30 horas). Estes obradoiros están dirixidos exclusivamente a nenos de 8 a 14 anos empadroados en Nigrán cun máximo de dez nenos por sesión e unha duración de dúas horas. É imprescindible a inscrición previa a través dos formularios web en http://www.nigran.es.

Pensando nun público de todas as idades, o Concello repite as visitas teatralizadas ao cemiterio de San Fiz (Ceán) e engade o de Panxón. Estas están organizadas por Teatro do Ar co máximo respecto ao lugar e co obxectivo de poñer en valor a propia arquitectura dos camposantos e de “rescatar” do esquecemento a algunha das historias que agochan as súas tumbas, como poden ser no Ceán o mestre Vázquez Grela, o republicano Daniel Pazó ou o escritor Carlos Casares. A novidade deste 2023 será o de Panxón, lugar moi coñecido fóra de Nigrán grazas ao escritor Domingo Villar coa súa novela “A praia dos afogados”. Para todas estas visitas é preciso inscribirse previamente no día e horario elixido (no Ceán o luns 30 de outubro e no de Panxón o martes 31 de outubro, en ambos casos con quendas de 20 persoas ás 18:30, 19:10 e 19:50 horas).

Finalmente, no propio Día de Todos os Santos, 1 de novembro, o Concello ofrece tamén un roteiro micolóxico de identificación de cogomelos especialmente pensado para a infancia con saída ás 11:00 desde o cemiterio de Camos e percorrido polos terreos do que será o futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas. Xa pola tarde, o Cine-Club Val Miñor Alice Guy proxectará ás 17:30 horas no Auditorio Municipal a película de terror infantil “Os mundos de Coraline”. Este filme de animación estadounidense narra a historia dunha nena que, ao atravesar unha parede da súa casa, atopa unha versión mellorada da súa vida: os seus pais son máis considerados con ela, entre outros detalles, pero esas sensacións marabillosas darán paso ao medo e á angustia.