Eu Rural impulsou 9 novos proxectos no territorio coa última convocatoria da Medida Leader

A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural segue a traballar para dar pulo ao rural e fomentar o desenvolvemento económico, social e cultural nos 13 concellos que conforman o seu territorio. Neste camiño, a través da Medida Leader, nos anos 2021 e 2022 a asociación colaborou na posta en marcha e consolidación de 9 novos proxectos que supuxeron un investimento de máis de 1,1 millóns de euros no territorio, dos que preto de 450.000 euros foron financiados a través destes fondos europeos.

Deste xeito, na anterior convocatoria puxéronse en marcha iniciativas nos concellos da Guarda, Mos, O Rosal, Tomiño e Tui centradas en diversos ámbitos e que permitiron a consolidación de 24 postos de traballo nos cinco municipios. “Cada ano a Medida Leader permítenos facer chegar os fondos europeos dun xeito directo ás empresas da nosa contorna, facilitando a construción dun rural no que crece a economía, melloran os servizos e se crean oportunidades laborais para a súa veciñanza”, destaca a presidenta de Eu Rural, Sandra González.

Cunha subvención de case 290.000 euros, na anterior convocatoria da Medida Leader puxéronse en marcha cinco proxectos que permitiron a ampliación da sala de embotellado e das oficinas de Pazo de Valdomiño, en Tomiño; a creación dun Centro de Día en Torroso, en Mos; a creación dunha nova sala de ximnasio en Goián (Tomiño); a implantación de cabanas de aloxamento turístico en Mos e a posta en marcha do proxecto Son Rural, unha iniciativa que busca desenvolver actividades lúdicas para nenos, nenas e familias no Rosal.

Por outra parte, conseguíronse case 120.000 euros para subvencionar parte de tres proxectos non produtivos, cos que se adquiriu unha furgoneta adaptada para a Agrupación Musical do Rosal, implementouse unha aula de informática no centro de rehabilitación psicosocial e laboral e vivenda protexida na Guarda e púxose en marcha unha Escola de Música Dixital en Tui. Todos estes investimentos completáronse cun proxecto non produtivo promovido polo concello da Guarda a través do que se reformou as instalacións do centro de formación e emprego Manuel B. Portela.

Nova convocatoria

A Medida Leader é una ferramenta xestionada no territorio por Eu Rural como entidade colaboradora de Agader para poner en práctica a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, confinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) node Galicia 2014-2020. O programa conta cunha nova convocatoria de axudas para a anualidade 2023-2024 ao que, como cada ano, se presentaron numerosas empresas e entidades públicas e privadas dos 13 concellos co obxectivo de buscar subvencións para os seus proxectos.

Toda a información dos proxectos da Medida Leader, así como da nova convocatoria está dispoñible na páxina web de Eu Rural.