O Rallye San Froilán promete moita intensidade para o equipo AMF Motorsport esta fin de semana, onde a dupla formada por Alberto Meira e Avelino Martínez debe gañar a cita lucense e esperar a que o seu rival non pase da quinta praza para postergar a decisión do cetro autonómico ata a última proba en Arousa.
Sendo a primeira vez no ano que Alberto Meira e o seu rival se enfronten con monturas da mesma categoría, o piloto gondomarense quere demostrar o ritmo que adquiriu a bordo do Skoda Fabia R5, co cal gañou as dúas últimas citas que disputou e dominou con pleno de vitorias a Copa Top Ten Pirelli A e o Supercampionato Galego R5. Ademais dos dous contendentes, haberá outros cinco conxuntos con vehículos de primeiro nivel que poden facer de xuíces na definición do título absoluto.
O piloto de Vincios describe así as súas posibilidades para a fin de semana: “Vai ser un rallye bastante competido, será o de máis nivel de toda a tempada, onde nos xogamos moito e onde acertar coa elección de pneumáticos será esencial porque a choiva seguro que fará acto de presenza durante a carreira. A clasificación pode voltearse en calquera momento con este tipo de condicións, pero temos confianza no conxunto que formamos sobre todo tipo de condicións. Trataremos por todo o posible de estirar as nosas posibilidades de título ata a última cita”.
O Rallye San Froilán comezará con dous especiais no serán do venres que xa deixarán as primeiras diferenzas, mentres o sábado serán oito as cronometradas que conformarán o groso desta penúltima cita do ano.

