Sin categoría

Coemsa e A Furgolibro do Mercado da Tía Ni convocan o 6º concurso de Micro-Beléns

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (Coemsa), coa colaboración da Furgolibro do Mercado da Tía Ni, organiza a sexta edición do concurso de Micro-Beléns. As creacións participantes, que deberán ter un tamaño máximo de aproximadamente 30×60 centímetros, permanecerán expostas do 15 de decembro ao 6 de xaneiro nos escaparates das tendas de Sabarís. Cun plano poderase facer unha ruta para descubrir e votar polo que máis guste.

Nesta edición créase unha segunda modalidade, Belén Familiar en domicilio particular, que poderá ser de tamaño libre. Os que desexen participar deberán mandar a dirección da vivenda na que teñan o Belén para que o xurado poida ir velo.

O xurado estará formado por Nando Fernández, Juan Alderete e Ángel Vidal, que terán que valorar o premio ao “Máis orixinal”, ao “Máis currado” e ao “Belén tradicional mellor elaborado”. O premio ao “Máis popular” outorgarao o público que faga a ruta e vote.

Os gañadores recibirán 100 euros consumibles nos negocios de Sabarís asociados a Coemsa ademais dun diploma e un lote de libros.

Para participar os interesados deben chamar ao teléfono 686 48 48 12. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de decembro, e a entrega dos Micro-Beléns poderá realizarse ata o 15 de decembro.