O Concello de Nigrán continúa co seu clásico “Outono de teatro” este sábado 21 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa compañía viguesa Porta Aberta presentando a obra “Munuwa”. A entrada é de balde ata completar o aforo. O ciclo forma parte do convenio establecido coa Federación Galega de Teatro Amador (FEGATEA) e finaliza o vindeiro sábado 28 de outubro con “Nadal na casa dos Lamelo” a cargo da compañía luguesa Achádego Teatro.
En “Munuwa”, un profesor de mediana idade, Darío, canso da vida rutineira que levaba mantendo á súa ex-muller (Lola), aturando os caprichos do seu fillo adolescente e as burlas do seu mellor amigo (Guzmán), toma a decisión de mudar radicalmente de vida e irse ao outro lado do mundo. Para prepararse introduce nos seus hábitos costumes oceánicas munúwas, que comparte cos seus. Esta é unha obra tremendamente representativa do hastío no que viven determinadas persoas. Nunca quixestes dar un xiro radical ás vosas vidas? Pois mirade o que lle sucede a Darío cando quere dar o paso.
Fegatea
A comunidade teatral galega, dentro do ámbito afeccionado, é unha das maiores do territorio español e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, formada hoxe en día por 50 grupos das catro provincias constituídos por máis de 600 persoas, conforma na actualidade a entidade máis representativa do teatro amador galego, afianzándose ano a ano como axente cultural imprescindible para a creación de novos públicos e a promoción da cultura e a lingua galega.

