Sin categoría

Baiona inicia a poda das árbores repartidas nos cinco núcleos de poboación do municipio

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona iniciou a tempada de poda esta mañá na Rúa Carabela Pinta polo que este día será necesario cortar o tráfico rodado nesta zona. Así se está dando continuidade á poda polo Parque da Palma, e seguirá polo centro urbano da vila e pola Avenida Monterreal. Realizaranse os traballos, propios desta época do ano, que necesitan as árbores.

Nos próximos días acometerase a poda das árbores nos adros das igrexas e nas restantes zonas con arboledo das parroquias baionesas. Concretamente, na parroquia de Baíña actuarase tamén na zona arborizada da estrada de Santa Marta e no parque infantil do Cruceiro. En Baredo, na contorna do centro cultural. En Belesar, na zona do torreiro da igrexa, e no do xogo de bolos Portameán e Urgal. En Santa Cristina da Ramallosa, na contorna da Praza de Abastos e na Praza Victoria Cadaval, na Avenida Benito Fariñas e na Avenida Praia Ladeira.

Os traballos realízanse en altura e desde o chan polos traballadores, quen leva a cabo esta campaña en condicións de máxima seguridade, sen causar danos ás árbores e no menor tempo posible, xa que dispoñen das ferramentas necesarias para ocasionar as menores molestias nos paseos e zonas máis frecuentadas pola cidadanía.