Feijóo entrega en Baiona o XIII Premio Familia Empresaria de Galicia ao Grupo Pereira

O titular da Xunta , Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe o Goberno galego seguirá apostando por políticas económicas estables que xeren confianza para investir, “porque temos claro que a estabilidade é un activo importantísimo; que a economía crece cando hai investimentos e confianza; cando somos capaces de exportar e abrir novos mercados e cando hai unha fiscalidade para transmitir as empresas familiares con bonificacións do 99% dos impostos”, aseverou.

Durante o acto de entrega do XIII Premio Familia Empresaria de Galicia da Asociación Gallega de la Empresa Familiar ao Grupo Pereira, e convencido de que esa é a singradura que se ten que seguir, Feijóo enxalzou o papel senlleiro da empresa familiar, grande abandeirada da nosa economía, como proba o feito de que entre as 1.000 compañías máis dinámicas da UE, hai 6 empresas familiares galegas.

Así mesmo, o presidente do Executivo galego salientou que o Grupo Pereira é hoxe o número 10 do sector no mundo, cun cadro de persoal de máis de 1.000 empregados e cunha flota de 20 buques que pescan en sete caladoiros. Un grupo no cal se combinan, dixo, factores como a tradición, a estabilidade e a innovación; e cuxo radio de acción é o mundo enteiro, e cuxa principal ferramenta é a colaboración con terceiros países mediante acordos e empresas mixtas.

Anuncios